A Xunta convoca os concellos das rutas xacobeas a participar na 14º edición do programa estival ‘Cultura no Camiño’
O Diario Oficial de Galicia publica as bases das subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dotadas con 250.000€
Esta liña de axudas permite o cofinanciamento da contratación de espectáculos de formacións artísticas galegas que actuarán entre o 15 de xuño e o 31 de agosto
A Xunta de Galicia convoca os concellos galegos polos que discorren as distintas rutas xacobeas a participar na que será a 14ª edición de Cultura no Camiño, o circuíto de espectáculos que volverá este verán ao encontro co público a través dunha intensa, completa e descentralizada programación. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases para a adhesión a esta iniciativa mediante unha liña de subvencións dotadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con 250.000 euros, destinados á contratación de producións profesionais galegas de teatro, danza, narración oral, circo e maxia, así como concertos.
Os municipios do Camiño de Santiago interesados en formar parte desta actividade poderán facelo tanto a título individual como conxuntamente en forma de agrupación, asociación, mancomunidade ou fusión. O prazo de presentación vai do 17 de febreiro ás 9,00 h. ata o 17 de marzo ás 14,00 h. a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
A concesión realizarase por concorrencia non competitiva ou ata o esgotamento do crédito. As contías outorgaranse en diferentes porcentaxes segundo o número de habitantes do concello solicitante. Así, do mesmo xeito que os anos anteriores, o Goberno galego asume ata o 50% do custo dos espectáculos en municipios de menos de 20.000 habitantes, cun máximo de 2500 euros por adxudicación, e ata o 40% nas entidades que superen esta poboación, cun límite de 3500 euros por axuda.
Programación a desenvolver entre o 15 de xuño e 31 de agosto
Para confeccionar a súa programación como parte de Cultura no Camiño 2026, cada entidade local subvencionada deberá contratar un mínimo de dúas actuacións entre a oferta incluída no catálogo específico que a Axencia Galega das Industrias Culturais pon a disposición mediante a plataforma en liña galescena.gal. A carteleira resultante desenvolverase do 15 de xuño ao 31 de agosto.
Cultura no Camiño ten revalidado nos últimos anos o seu papel dinamizador da oferta cultural e de ocio ao pé do Camiño de Santiago durante os meses de maior afluencia de visitantes, ademais de impulsar da contratación de espectáculos galegos. Así, no pasado verán, a 13ª edición pechou con 312 citas escénicas e musicais en 89 municipios a cargo de 170 formacións artísticas do país, que foron seguidas por máis de 38.000 persoas.