A Xunta cofinancia 24 citas escénicas e musicais da programación cultural de Vigo no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios
O Auditorio Municipal da cidade olívica abre mañá carteleira con ‘Brazaletes’, de Amorodio Teatro, primeira actividade dunha oferta con 15 propostas teatrais, tres de danza, tres musicais, dúas de novo circo e unha de maxia
‘Memorias dun neno labrego’, do Centro Dramático Galego e Contraproducións ou os concertos de Rosa Cedrón e De Vacas son algunhas das citas previstas
O custo desta actividade en Vigo ascende a 123.426 euros, dos que 56.867 son achegados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
O circuíto autonómico desenvolve nesta primeira metade do ano 307 citas en 42 concellos, cun orzamento total próximo aos 1,29 M€
A Xunta de Galicia contribúe á programación cultural da cidade de Vigo para este primeiro semestre de 2026 con 24 citas escénicas e musicais, que se desenvolverán no Auditorio Municipal a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición cofinanciado pola consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e polas entidades locais asociadas.
A carteleira na cidade olívica arrinca mañá venres con Brazaletes, de Amorodio Teatro, un espectáculo que reconstrúe os últimos fusilamentos do franquismo a partir dun xesto de protesta nun partido de fútbol e que combina documento e ficción para reflexionar sobre memoria, política e silencio.
A programación continuará co concerto 30 anos de música galega, de Rosa Cedrón, o 7 de febreiro, e El Profesor Bromera, de Cia.MeLaBuffa, o 8 de febreiro. Ao longo deste mes pasarán tamén polo mesmo escenario Oh, Mammi Blue, de Cinema Sticado, o día 20; Parasimpáticas, de Lucía Veiga e Marita Martínez, o 21; tÁ, de Escena Miriñaque, o 22; e Memorias dun neno labrego, espectáculo do Centro Dramático Galego e Contraproducións sobre o célebre libro de Xosé Neira Vilas, o 27 de febreiro. O día 28 terá lugar o concerto Vacanal Sinfónica, dentro da xira do 10º aniversario da formación De Vacas, que conta co patrocinio adicional a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.
En marzo chegará Lumiero, de La Menuda Producions, o día 1; Matres, de Cia Campi, o 8; Señores que din, de De Ste Xeito Producións, os días 13 e 14; e Imposible!?, do Mago Rafa, o día 15 de marzo. O 20 chegará Artur Ui, o ovo da serpe, a nova produción de Talía Teatro, e o 22, Canto Conto!, de Limiar Teatro.
Durante o mes de abril, o Auditorio Municipal acollerá La Desconquista, de Ron Lalá Teatro, o día 10; Sabes que las flores de plástico nunca han vivido, ¿verdad?, de Tanttaka Teatroa, o 11; Crisálida, de Caramuxo Teatro, o 12; e Bio Construción, de Ibuprofeno Teatro, o 17 de abril. O apartado de novo circo inclúe Bagaxe, de Pistacatro Productora de Soños, compañía Premio Nacional de Teatro, o 18 de abril, e Tavole, de Circo Chosco, o día 19.
Os encontros coa danza desenvolveranse nas datas previas ao 29 de abril, día no que se conmemora internacionalmente esa disciplina. As pezas seleccionadas son Nove espellos, a cargo da compañía de Óscar Cobos, o 24 de abril; BenQuerer. Fran Sieira báilalle a Caamaño&Ameixeiras, de Fran Sieira Compañía de Danza o día 25; e Coa cabeza nas nubes, de Cía. SÖA, o día 26.
Un circuíto plural e local
A Rede Galega de Teatros e Auditorios iniciou o pasado 15 de xaneiro o seu primeiro período de actividade, que se prolongará ata finais de xuño cunha oferta de 307 actuacións en 42 concellos das catro provincias. O circuíto autonómico conta cun orzamento de preto de 1,29 M€, un 5,6% máis que no mesmo período de 2025, que é cofinanciado polo Goberno galego e as entidades locais asociadas. Este investimento está destinado integramente á contratación de 102 compañías escénicas e grupos de música, na súa meirande parte formacións galegas.
No conxunto desta carteleira, o Auditorio Municipal vigués suma 24 funcións, con 15 propostas teatrais, tres citas musicais, tres de danza, dúas de novo circo e unha de maxia, configurando co apoio da Xunta unha programación plural e continuada de febreiro a abril. O custo total desta actividade en Vigo ascende a 123.426 euros, dos que 56.867 son achegados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Imaxes por orde de lectura:
- Brazaletes, de Amorodio Teatro
- Vacanal Sinfónica, xira do 10º aniversario da formación De Vacas
- Memorias dun neno labrego, espectáculo do Centro Dramático Galego e Contraproducións