Carballo acolle este venres a festa escénica da estrea de 'Territorio Regueifa’, coprodución entre Centro Dramático Galego, FIOT e Ainé
Trátase dun formato participativo que combina teatro de proximidade, improvisación e retranca ata rematar nunha celebración musical colectiva
José L. Prieto está á fronte da dirección escénica e conforman o elenco os regueifeiros Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira
O espectáculo poderá verse tamén o 7 de febreiro en Redondela, o 6 de marzo en Boiro e o 23 de maio en Burela, no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios
Territorio Regueifa, espectáculo coproducido polo Centro Dramático Galego xunto ao Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) e a compañía coruñesa Ainé, estrearase o venres 6 de febreiro, ás 21,00 h, no Pazo da Cultura de Carballo. O primeiro encontro co público desta proposta escénica participativa, que combina teatro de proximidade, improvisación e retranca, chega finalmente ás táboas para poñer en valor esta xenuína manifestación da tradición cultural galega cos seus característicos desafíos dialécticos rimados e cheos de ironía.
Así se explicou esta tarde na rolda de prensa na que interveu o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, ademais do director do espectáculo, José L. Prieto; o director do FIOT, Alberto Sueiro; o director de Ainé Producións, Álvaro Pérez, e os intérpretes Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira.
A estrea absoluta recupera unha cita para se celebrar inicialmente no marco da última edición do certame carballés no pasado outubro, pero tivo que ser suspendida por motivos de saúde dunha das persoas do equipo. O espectáculo chega agora para abrir a programación escénica cofinanciada polo Goberno galego no Pazo da Cultura de Carballo como membro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto que lle achega ata o mes de maio un total 11 funcións ao calendario cultural da localidade bergantiñá.
Humor e música
Dirixida por José L. Prieto, Territorio Regueifa é unha proposta de teatro, música, humor e improvisación na que o trío regueifeiro introduce o público nesta arte: as súas orixes, a súa evolución e a súa vixencia na actualidade. A montaxe combina divulgación, escenas teatrais e participación directa, facendo do público unha parte activa da función e ofrecéndolle unha pequena iniciación á improvisación oral cantada.
O espectáculo recrea distintas situacións arredor da palabra improvisada, desde a primeira regueifa da historia ata a incorporación das mulleres ao mundo da disputa rimada, pasando por xogos co presente e coa linguaxe. O resultado final será unha grande festa musical que converterá o espazo carballés nunha celebración colectiva na que destacan deseño de iluminación de Gonzalo Porteiro e a escenografía de Carlos Alonso.
O Centro Dramático Galego como produtor
Durante a presentación, púxose o foco na relevancia desta colaboración entre o FIOT e Ainé co Centro Dramático Galego, unidade de produción teatral da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, como exemplo do compromiso da Xunta co impulso á creación escénica galega e coa xeración de novos espectáculos en diálogo co tecido profesional e cos públicos.
Así, Territorio Regueifa é a primeira das coproducións do Centro Dramático Galego que verá a luz neste 2026. Para o mes de maio están previstas as estreas de A furia da amanita, de Santiago Cotegoso; A fortaleza, de Lorena Conde; Somos monstros, de Paula Carballeira; e Black Box, de Gabriel Calderón e Hugo Torres. En xuño chegarán Os pasadores, de Patricia Portela; e Ensaio técnico, de Mickaël de Oliveira, entre outros proxectos.
Máis funcións na Rede Galega de Teatros e Auditorios
Trala estrea no Pazo da Cultura de Carballo, Territorio Regueifa poderá verse o 7 de febreiro en Redondela (Pontevedra), no Edificio Multiúsos da Xunqueira; o 6 de marzo en Boiro (A Coruña), no Centro Social de Abanqueiro; e o 23 de maio en Burela (Lugo), na Casa da Cultura. Todas elas son funcións incluídas na programación do primeiro semestre da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
No primeiro semestre do ano o circuíto permitiralle ao público gozar de 307 funcións en 42 concellos das catro provincias. Cofinanciado pola Xunta e as entidades locais adheridas, conta cun orzamento próximo a 1,29 M€, un 5,6 % máis que no mesmo período de 2025, destinado á contratación de 102 compañías de artes escénicas e grupos de música, na súa maioría galegos.