Publicado o catálogo ‘Films from Galicia 2026’ con 63 novos títulos audiovisuais para a súa promoción internacional
A iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recolle 16 próximas estreas, 23 traballos en desenvolvemento e 23 xa presentados no circuíto comercial
Trátase dunha ferramenta de proxección exterior para reforzar a presenza do audiovisual galego en mercados e encontros baixo o selo Galicia Calidade
A súa distribución comeza mañá no European Film Market, o espazo dedicado á industria cinematográfica que se desenvolve en paralelo á Berlinale
A Xunta acaba de editar o catálogo Films from Galicia 2026, unha ferramenta de difusión exterior que reúne 63 novos títulos do audiovisual galego, con 23 estreas recentes e 40 proxectos en diferentes fases de desenvolvemento. A publicación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude edítase en inglés, en formato tanto físico como dixital interactivo, para favorecer a súa máxima difusión.
Ofrécese e compéndiase deste xeito información útil para profesionais da distribución, das vendas e da programación e incorporarase á actividade de promoción do Goberno galego en diferentes mercados e encontros especializados do circuíto internacional, co obxectivo de aumentar as oportunidades e a competitividade do sector audiovisual do país asociado, ademais, á marca Galicia Calidade.
Neste sentido, Films from Galicia 2026 comeza mañá o seu periplo no European Film Market de Berlín, o espazo dedicado á exhibición empresarial e ao negocio que se desenvolve ata o 18 de febreiro en paralelo á Berlinale e ao que está prevista a asistencia de máis de 12.000 axentes do sector.
Proxectos en diferentes fases
O catálogo organiza os contidos segundo o momento no que se atopa cada produción e presta testemuño dos apoios acadados para cada proxecto, como os prestados pola Xunta de Galicia á maior parte dos títulos a través das diferentes liñas de subvención convocadas nos últimos anos.
No apartado de próximas estreas recóllense 10 filmes, entre eles Monstro, coa que Andrés Goteira regresará á gran pantalla, e que conta con Antonio Durán “Morris” no elenco. Outros títulos moi agardados son A nadadora, de Sandra Sánchez; A morte nos teus ollos, de Guillermo Oliveira; ou Tralovento, de Eloy Domínguez Serén. Nesta mesma sección inclúense cinco documentais e dous proxectos televisivos próximos a chegar ao público, configurando deste xeito un amplo escaparate actualizado do que está a piques de incorporarse ao calendario de festivais e á exhibición en salas.
No bloque de títulos xa estreados figuran 12 películas: Así chegou a noite, Rondallas, Antes de nós, Golpes, Onte á noite conquistei Tebas, Leo & Lou, Romería, San Simón, Sirât, Strany riu, As liñas descontinuas (que chega o 20 de febreiro aos cines) e Me has robado el corazón.
O apartado de producións xa finalizadas complétase con oito documentais estreados e con dous proxectos de animación, entre eles, Decorado, de Alberto Vázquez, que figura no catálogo coa súa candidatura ao Goya á mellor película de animación, ademais dun proxecto televisivo xa completado.
Pola súa banda, a sección de traballos en desenvolvemento incorpora 16 películas, con propostas asinadas por Lois Patiño, Paula Cons, Alfonso Zarauza, Álvaro Gago, Lucía Estévez ou Diana Toucedo, entre outras autorías presentes nesta panorámica. A relación complétase con cinco documentais e dous proxectos de animación tamén en fase inicial
Posta en valor conxunto do audiovisual galego e de Galicia
O catálogo inclúe un directorio de compañías produtoras e unha breve presentación de Galicia como territorio audiovisual, salientando o apoio público á posta en marcha e á produción de proxectos. Tamén se fai referencia ás medidas de estímulo para filmes rodados en Galicia xunto á capacidade do sector profesional do país, así como á riqueza patrimonial e paisaxística do territorio galego.
Así, a través da marca Films from Galicia, que se acompaña dun vídeo con imaxes das películas facilitadas polas produtoras, o Goberno galego contribúe a impulsar a proxección exterior do audiovisual galego, poñendo en valor a calidade e a variedade da súa oferta e reforzando ao tempo a promoción da Comunidade como escenario de rodaxes.
Este catálogo complétase coa recente edición de Shorts from Galicia 2026, dedicada ao formato curto e dispoñible tamén en versión física e dixital para a súa difusión internacional. A distribución desta selección de nove títulos comezou xa a principios deste mes de febreiro no mercado asociado ao festival de Clermont-Ferrand (Francia).