Share

A Xunta reforza a proxección exterior do audiovisual galego no mercado da Berlinale baixo a marca 'Films from Galicia'

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, en representación do Goberno galego, mantivo varios encontros cos representantes das empresas galegas desprazadas a Berlín no marco da Berlinale, o festival cinematográfico que está a ter lugar estes días na cidade alemá. Fíxoo no European Film Market, o espazo dedicado á industria e ao negocio profesional que se desenvolve en paralelo ao certame.

Deste xeito, mediante a presenza da marca Films from Galicia, a Xunta reforza a proxección do audiovisual galego, iniciando así o circuíto de difusión internacional do catálogo, publicado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, con información e imaxes de 63 títulos de recente estrea ou próximos a chegar ás pantallas, de xeito asociado, ademais, ao selo Galicia Calidade. Ademais, esta mesma noite organízase un acto específico de promoción, baixo o lema Celebrating Galician Cinema, ao que está prevista a asistencia de 200 axentes do sector, e no que tamén se continuará a consolidar a imaxe da Comunidade como escenario de rodaxes a través da Galicia Film Commission.