A Xunta convoca axudas para as fases de preprodución e difusión internacional do audiovisual galego por preto de 300.000 euros
O DOG publica hoxe as bases de ambas as liñas de apoio, enmarcadas no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico
As subvencións ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais contan con 260.000 euros para continuar impulsando a preparación previa de novas producións galegas cara á súa rodaxe nos vindeiros anos
As destinadas á asistencia a foros e mercados internacionais adaptan o seu texto para axilizar o pagamento ás empresas galegas desprazadas a eventos de referencia no sector celebrados antes da crise sanitaria
No primeiro dos casos, as axudas para desenvolvemento de proxectos destinan 260.000 euros a apoiar economicamente as empresas galegas do sector desde o proceso previo á produción e rodaxe nas seguintes modalidades: longametraxes, series e miniseries de ficción; longas cinematográficas e series de animación; documentais para ambos medios, e proxectos piloto de programas televisivos con formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.
Prazo ata o 29 de xuño
A convocatoria, para a que o prazo de solicitude se manterá aberto ata o vindeiro 29 de xuño, establece que cada empresa solicitante pode resultar beneficiaria nun máximo de dúas propostas e que a axuda poderá cubrir ata un 75% do orzamento subvencionable sobre o total de cada unha. O obxectivo final é facilitar que as produtoras poidan asumir o proceso de desenvolvemento de varios proxectos de xeito simultáneo nunhas condicións óptimas e cunha gran calidade.
Xa cara á súa posterior rodaxe, posprodución e exhibición, nos anos seguintes estes mesmos títulos poden optar ás devanditas subvencións autonómicas para producións e coproducións audiovisuais e para a súa difusión en mercados e mostras, ademais de a outros fondos estatais e europeos.
Axilización do financiamento
A segunda das liñas convocadas hoxe céntrase noutra das partes deste proceso, canalizando o apoio da Xunta á presenza da industria audiovisual galega en mercados internacionais na procura de acordos de coprodución, vendas e distribución a nivel mundial. Neste caso, introdúcese unha modificación no período subvencionable (do 1 de decembro de 2019 ao 13 de marzo de 2020) para axilizar os pagamentos ás empresas que acudiron a feiras consideradas estratéxicas e celebradas antes da declaración do estado de alarma.
Así, a Xunta reserva un orzamento de 30.000 euros para sufragar parte dos gastos de asistencia dunha persoa por empresa solicitante (desprazamento, aloxamento e inscrición) a un dos cinco mercados sectoriais recollidos na convocatoria: Ventana Sur de Bos Aires (Arxentina), Natpe de Miami (Estados Unidos), Cinemart de Rotterdam (Holanda), Marché du Court de Clermont-Ferrand (Francia) e European Film Market de Berlín (Alemaña).
Estas axudas resolveranse por procedemento de concorrencia non competitiva, de xeito que serán adxudicadas por orde de solicitude, sempre que se cumpran todos os requisitos das bases, ata o esgotamento do crédito ou, en todo caso, ata o 29 de xuño.
-Subvencións ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega
-Subvencións para a asistencia a mercados e foros internacionais de contido audiovisual