O certame Sonidos Mans anuncia as oito bandas gañadoras da súa edición de 2020, con Mounqup como representante galega
A Axencia Galega das Industrias Culturais colabora un ano más co concurso para grupos emerxentes que organiza Estudios Mans, da Fundación Paideia Galiza

O certame Sonidos Mans acaba de anunciar o nome dos oito grupos gañadores da súa edición de 2020, entre os que se atopa a artista francesa radicada en Ourense Mounqup. A Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Cultuarais (Agadic), volve colaborar con esta iniciativa dos Estudios Mans da Fundación Paideia Galiza, que busca facilitarlles aos grupos e solistas que se atopan no inicio das súas carreiras unha ferramenta de utilidade para a difusión do seu traballo.
Xunto a Mounqup, tamén foron elixidos entre as 25 bandas que pasaron á fase final Mississipi Queen & The Wet Dog (Biscaia), The Amsterdammers (Madrid), Adam Guerrero (Sevilla), Bosnio (Murcia) e Joseph, The Death of Robert e Guineu, os tres de Barcelona.
Ademais de ter a oportunidade de gravar nos Estudios Mans da Coruña, este ano e diante da situación provocada pola pandemia da Covid-19 as bandas premiadas poderán elixir entre a posibilidade de tocar este verán no Náutico de San Vicente do Mar (O Grove) ou recibir un bono de merchandising polo valor do caché da correspondente actuación.