A Xunta contribúe a promoción internacional de ‘Sirât’ para impulsar a súa carreira cara aos Óscar
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inviste 50.000 euros na campaña exterior da película de Oliver Laxe, co foco posto en Estados Unidos e Reino Unido para maximizar as súas posibilidades de chegar á fase final da 98ª edición dos premios
O Consello da Xunta autorizou a próxima sinatura dun convenio de colaboración con Los Desertores Films, AIE, unha das produtoras da película de Oliver Laxe, Sirât, mediante o que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cofinancia con 50.000 euros a campaña de promoción internacional do filme na sta carreira cara aos Óscar como candidata oficial de España para optar ao premio á mellor película internacional.
Este novo apoio económico á cuarta longametraxe do director galego, recoñecida co premio do xurado na súa estrea na sección oficial do Festival de Cannes, súmase á subvención de 260.000 euros que lle foi concedida para a súa produción e responde tanto ao seu alto valor artístico e técnico como á oportunidade única que para o conxunto do sector supón o feito de contar cunha embaixadora do cinema galego nos premios máis relevantes e mediáticos do panorama mundial.
O investimento da Xunta destinarase ao desenvolvemento, ata finais de 2025, dunha ampla campaña promocional, que terá os seus focos principais en Los Ángeles, Nova York e Londres, co fin de impulsar o posicionamento de Sirât entre o resto das candidatas internacionais e de lle dar a máxima visibilidade entre as persoas membros da academia estadounidense que votarán nesta 98ª edición dos galardóns. Así, reforzarase a presenza de Oliver Laxe e doutros dos integrantes do equipo en festivais, eventos da industria, pases especiais ou encontros coa crítica e a prensa especializada, entre outras accións.
Datas claves
O vindeiro mes de decembro confeccionarase a listaxe dos 15 filmes internacionais que continuarán o percorrido ata xaneiro de 2026, cando se darán a coñecer os cinco títulos finalistas. O premio á mellor película internacional entregarase na gala que terá lugar en Los Ángeles o 15 de marzo.
Esta é a primeira vez que un director galego é seleccionado para representar a España nos Óscar e faino, ademais, cun filme con participación galega na sua produción. Supón, xa que logo, a confirmación da traxectoria autoral de Oliver Laxe como unha das voces máis interesantes e orixinais do panorama cinematográfico mundial.
De feito, esta nova colaboración do Goberno galego con Sirât insírese na atención e apoio que lle vén prestando a este cineasta desde os inicios da súa carreira, subvencionando igualmente as súas anteriores longas: O que arde, Mimosas e Todos vós sodes capitáns, cos que tamén foi premiado nas diferentes seccións a concurso do festival de Cannes.