Share

López Campos anima o público a gozar do cine en pantalla grande para contribuír á estabilidade das salas galegas

O conselleiro de Cultura visita os Minicines Central da Estrada, un dos 17 subvencionados pola Xunta a través da convocatoria para proxectos de dinamización e fidelización de públicos, así como de diversificación da oferta cinematográfica

Distribúense máis de 271.500 euros entre 17 espazos de exhibición cinematográfica, que suman máis de 70 pantallas en 14 localidades das catro provincias

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, animou o público galego a recuperar o hábito de gozar do cinema en pantalla grande co fin de contribuír á estabilidade das salas de Galicia, especialmente as situadas fóra das cidades. Así o manifestou durante súa visita aos Minicines Central da Estrada, un dos 17 espazos cinematográficos subvencionados este ano pola Xunta a través da convocatoria dirixida precisamente a garantir a supervivencia dos cinemas galegos.

Segundo a resolución publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, esta liña de axudas distribúe 271.500 euros entre 17 salas cinematográficas de carácter comercial, que suman máis de 70 pantallas en 14 localidades das catro provincias. Este ano, ademais, a súa concesión seguiu un procedemento de concorrencia non competitiva, de xeito que se atendeu a totalidade de propostas presentadas para diversificar a oferta de contidos, fidelizar públicos e contribuír ao mantemento da actividade destes espazos.

Así, na provincia da Coruña subvenciónanse cinco proxectos que se desenvolven nos Cantones Cines da cidade da Coruña, Cines Bergantiños de Carballo, Duplex Cinema de Ferrol, e Multicines Compostela e Numax de Santiago de Compostela. En Lugo, apóianse as accións de Codex Cinema e Cristal Cines, na capital lucense, e de Cines Viveiro.

As salas incluídas na provincia de Ourense son Cines Ponte Vella na cidade das Burgas, Novocine Leiro e Cine Gesma de Xinzo de Limia, mentres que Pontevedra suma seis propostas con axuda: ademais dos Minicines Central da Estrada, Cines Avenida de Caldas de Reis, Cinexpo de Pontevedra, Cines Tamberlick e Multicines Norte de Vigo, e Cines Gran Arousa de Vilagarcía de Arousa.

Promoción do cinema galego

Os espazos de exhibición reciben contías que se sitúan entre os 21.000 e os 8000 euros para levar a cabo campañas de dinamización e captación de público, destacando as dirixidas ao infantil ou xuvenil e ao colectivo de persoas xubiladas. Tamén entran nesta liña as iniciativas relacionadas co cinema galego en programacións especiais ou regulares e as actividades como encontros ou presentacións que fomenten a interacción do público cos filmes, así como a promoción do cinema europeo ou de terceiros países con pouca representación nas salas comerciais.

A Xunta colabora, así, na sustentabilidade das salas da Comunidade fronte aos cambios de hábito de consumo, a irrupción das plataformas de vídeo baixo demanda e a dependencia de películas de grandes estudos non europeos, factores que condicionan a programación das carteleiras. Deste xeito, contribúese á permanencia e consolidación dos espazos cinematográficos como lugares de exhibición do audiovisual, recoñecendo a súa importancia como centros culturais representativos, socializadores e integradores, particularmente no caso das salas situadas fóra das cidades.