A Xunta contribúe á consolidación do Ourense Film Festival como certame de referencia do audiovisual galego
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dota con 60.000 euros o convenio para a organización do certame internacional de cine de carácter competitivo máis lonxevo da nosa Comunidade

O Consello da Xunta deu luz verde ao convenio de colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa Asociación Cultural Luarada, a través do que mantén a súa colaboración anual de 60.000 euros para a organización do Ourense Film Festival como cita de referencia do audiovisual galego. Trátase, de feito, do certame internacional de cine de carácter competitivo máis lonxevo da nosa Comunidade, que este ano revalida, ademais, a súa aposta pola creación e a industria audiovisual galega.
A 30ª edición do festival celebrarase desde o 26 de setembro ata o 5 de outubro en diferentes escenarios da cidade. A contribución da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao desenvolvemento do 30º Ourense Film Festival insírese no seu programa de apoio a festivais estratéxicos do sector audiovisual, xunto coa convocatoria anual de axudas, que en 2025 distribúe 300.000 euros entre 10 mostras, ás que se lles recoñece deste xeito a súa importancia non só como plataformas de difusión cinematográfica e de exhibición de proxectos galegos, senón tamén como focos de formación e encontro dos profesionais.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén desde 2021 a mesma contía no seu apoio anual e diferenciado ao Ourense Film Festival, co que vén colaborando vía convenio desde 2014.
O Festival Internacional de Cine de Ourense é o acontecemento máis destacado en Galicia na súa especialidade, un festival que converte a cidade ourensá nunha “cidade de cine” e punto referencial para o público máis cinéfilo e os profesionais do sector en Galicia. Ao longo das súas xa 29 edicións, máis de 140 países dos cinco continentes e os máis destacados profesionais do eido audiovisual estiveron presentes en Ourense. Neste tempo, o festival celebrou numerosas mesas redondas, mercados, masterclases, encontros, conferencias, presentacións e cursos que o converteron nun referente na promoción do cine español e, de forma destacada, do cine galego.