Reactívase o programa ‘Territorio Cultura’ con 300.000 € para novos proxectos que incrementen a oferta cultural fóra das cidades
O Consello aproba a nova quenda das bases destas subvencións, destinadas a ampliar a diversificación e a descentralización cultural en concellos de ata 30.000 habitantes en liña coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia
Dáselle continuidade ás dúas fases anteriores deste mesmo programa, do que se beneficiaron 30 propostas que chegaron a 85 municipios do país
A principal novidade desta vindeira quenda é dirixirse unicamente a iniciativas presentadas por persoas físicas e xurídicas para reforzar o sector cultural privado

O Consello da Xunta aprobou as bases para a próxima publicación, en réxime de concorrencia competitiva, dunha nova convocatoria de subvencións do programa Territorio Cultura, a través do que que se destinan 300.000 euros a futuros proxectos que sigan incrementando a actividade e o tecido cultural en áreas non urbanas. Con esta acción dáselles continuidade ás anteriores dúas fases da mesma liña de axudas, polas que nos anos 2022 e 2023 se puxo en marcha unha trintena de iniciativas desta índole en 85 municipios das catro provincias galegas.
O Goberno galego abriu esta canle de apoio durante a pospandemia e ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU, de xeito que a Xunta foi a primeira Administración autonómica de todo o Estado en deseñar e facerlle chegar á cidadanía este programa. Despois do éxito acadado nas adxudicacións precedentes, esta terceira quenda finánciase a través da repartición de fondos do Estado entre as comunidades autónomas, aprobados no Pleno da Conferencia Sectorial de Cultura do 7 de maio de 2025.
A prioridade de Territorio Cultura, en liña cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, continúa a ser a ampliación da actividade cultural no rural galego, entendida esta como motor de cambio, dinamización e transformación social. Ao tempo, búscanse activar procesos culturais que afonden nos vínculos individuais e sociais co territorio, ofrecendo novas oportunidades laborais, estables e de calidade, no eido cultural.
Tamén é similar o perfil dos concellos destinatarios dos proxectos, de menos de 10.000 habitantes ou de ata 30.000 sempre que a densidade de poboación sexa inferior aos 100 hab/km2 , así como a ampla tipoloxía de accións subvencionables. Así, en Territorio Cultura teñen cabida proxectos que favorezan a experimentación, a investigación e a innovación cultural e posúan unha concreción práctica no territorio: educación, cooperación, patrimonio inmaterial, mediación, uso de novas tecnoloxías, eventos artísticos de calquera disciplina (artes visuais, cine e artes audiovisuais, teatro, danza, circo, música, literatura e palabra, arquitectura, deseño e artesanía), actividades multidisciplinares e de relación coa ciencia ou os saberes tradicionais.
Favorecer a iniciativa privada
A diferenza das anteriores, a nova convocatoria establece unha única categoría de destinatarios: persoas físicas e xurídicas (autónomos e asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro). Con isto preténdense favorecer a actividade e os proxectos xurdidos da iniciativa privada, tendo en conta a súa maior incidencia na profesionalización do sector e a súa capacidade para fomentar a empregabilidade. Só se poderá presentar un proxecto por persoa solicitante e sempre que teña un orzamento subvencionable igual ou superior a 15.125 euros.
Outra das principais novidades é que se introducen como subvencionables os gastos de transporte, sempre que sexan postos á disposición de xeito gratuíto e co obxectivo de estender a participación nos proxectos ás persoas residentes en poboacións próximas.
As persoas e entidades interesadas teñen un mes de prazo para presentar as súas propostas, contado a partir do día seguinte da próxima publicación das bases no Diario Oficial de Galicia, en tanto que os proxectos deben desenvolverse entre o día da presentación e o 30 de setembro de 2026.