Share

A Xunta contribúe con 60.000 euros á programación cinematográfica dos cineclubs galegos en 14 localidades

O Consello dálle luz verde ao convenio coa Federación de Cineclubes de Galicia para o desenvolvemento de 13 ciclos, sete semanas de cine e o Programa Filmoteca, que contribúe a estender a carteleira da Filmoteca de Galicia a outros oito espazos

Apóiase o labor de difusión e creación de públicos destas asociacións culturais, con especial atención á exhibición das producións galegas e de filmes independentes con menor presenza no circuíto comercial

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude elevou ao Consello da Xunta de Galicia o convenio de colaboración coa Federación de Cineclubes de Galicia para o desenvolvemento durante 2025 dunha ampla programación cinematográfica en 14 dos cineclubs asociados. Cunha dotación de 60.000 euros, entre as accións apoiadas destaca a organización de 13 ciclos, sete semanas de cine e o programa Filmoteca.

Neste último caso, o obxectivo é continuar descentralizando a actividade de exhibición que a Filmoteca de Galicia leva a cabo na súa sede da Coruña. Así, con esta iniciativa posta en marcha en 2024, a programación estendida que a cinemateca da Xunta viña mantendo cos cineclubs de Lugo, Ourense e Pontevedra chega xa a outras cinco localidades (Bueu, Cangas, O Carballiño, A Illa de Arousa e Vilagarcía de Arousa) e continúa aberta á incorporación de novos espazos coa ollada posta, sobre todo, nos núcleos rurais.

O Programa Filmoteca ofrécelle ao público destas poboacións unha escolma representativa da carteleira ofrecida na sala José Sellier da Coruña no último ano, con especial atención á produción galega máis recente, para a que se reserva o 20% das proxeccións.

O apoio á Federación de Cineclubes de Galicia garante a estabilidade e a calidade dunha carteleira cinematográfica descentralizada e á marxe dos circuítos comerciais, que este ano acollen os cineclubs Teleclub O Acomodador de Allariz, Groucho Marx do Barco de Valdeorras, Bueu, Cangas, O Carballiño, Os Papeiros de Chantada, Entrecortiñas da Illa de Arousa, Valle Inclán de Lugo, Serie B de Narón, Val Miñor AG de Nigrán, Padre Feijoo de Ourense, Pontevedra, Lumiére de Vigo e Adega de Vilagarcía de Arousa.

O convenio inclúe, así mesmo, a colaboración coa concesión do Premio PrimeiroOlhar no marco dos Encontros de Cinema de Viana do Castelo para documentais presentados por estudantes das escolas audiovisuais de Galicia, Portugal e Brasil.


  • Imaxe: Sesión do ciclo Close-Up coa directora Carla Simón na Filmoteca de Galicia