Share

A Xunta renova a súa colaboración coa Academia Galega do Audiovisual nos premios Mestre Mateo

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e o presidente da Academia asinan o convenio mediante o que o Goberno autonómico incrementa ata os 70.000 euros a súa achega para a organización dos galardóns

O Lalín Arena acolle a súa gala de entrega este sábado día 15 de marzo

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, asinaron hoxe o convenio de colaboración mediante o que a Xunta de Galicia inviste 70.000 euros na organización da 23ª edición dos Premios Mestre Mateo. Arredor deles, unha ampla representación do sector darase cita este sábado día 15 no Lalín Arena para asistir á gala de entrega, na que se darán a coñecer os proxectos e profesionais galardoados nas 25 categorías convocadas.

A achega do Goberno galego aos Mestre Mateo increméntase nun 16% respecto ao ano pasado, en recoñecemento ao papel desta convocatoria e do seu evento final como escaparate desde o que proxectar socialmente a capacidade e calidade do audiovisual galego, así como o seu papel como motor das nosas industrias culturais.

Nesta 23ª edición, a serie Rapa e as longametraxes As Neves, Honeymoon e + Cuñados acaparan gran parte das opcións a premio con 40 candidaturas. Tanto estas tres películas como o resto das longas finalistas (Aurora, Filmei paxaros voando, Prefiro condenarme, Salvaxe, salvaxe, Xustiza artificial e Tratamos demasiado bien a las mujeres) producíronse con subvención da Xunta de Galicia a través do programa anual de axudas ao sector, dentro do que tamén recibiron apoio a serie Bibopalula e as curtas Platónico, platónica, Pura, Véxote e Eu vou comigo.

Este ano a gala de entrega dos Mestre Mateo sae por vez primeira do circuíto habitual dos grandes núcleos urbanos para celebrarse en Lalín. Baixo o lema O audiovisual en movemento, a bailarina e coreógrafa Marta Alonso dirixirá o evento, que conducirá a actriz e presentadora Teté Delgado con guión da tamén actriz Carlota Mosquera e do actor Manolo Cortés. Baiuca poralle a banda sonora con música en directo. 

No transcurso da gala, faráselle tamén entrega do Premio de Honra Fernando Rey á script Encarna Alonso, referente do seu oficio en Galicia e pioneira na incorporación da muller aos apartados técnicos do proceso audiovisual.