Share

Dotación de 280.000 euros en axudas para a organización de festivais de artes escénicas

Mantense o orzamento desta subvencións respecto a 2024, ano no que se reforzaron cun incremento superior ao 30 % para estender o seu apoio a 12 mostras

Coa súa próxima publicación, completaranse as cinco convocatorias do programa anual de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais ao sector escénico que suman un investimento superior a 1,9 M€

O Consello da Xunta autorizou as bases e a próxima convocatoria das subvencións de 2025 a festivais de artes escénicas, convocadas anualmente pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para a organización profesional de certames considerados estratéxicos para o sector. Esta liña de apoio mantén a dotación de 280.000 euros respecto a 2024, ano no que foi reforzada cun incremento orzamentario de máis do 30 por cento para alcanzar as 12 mostras subvencionadas, dúas máis que en 2023.

A través desta convocatoria anual, o Goberno galego recoñécelle a este tipo de eventos o seu papel como dinamizadores culturais e como polos de atracción turística, ademais de como plataforma para unha maior proxección social da actual produción escénica de Galicia.

Coa súa publicación, completaranse as cinco convocatorias do programa anual de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais ao sector escénico de Galicia cun investimento conxunto de máis de 1,9 millóns de euros. Dentro del, acaba de facerse pública a concesión de 215.000 euros para o mantemento da actividade de catro salas privadas e tamén se atopan xa en marcha as liñas para creación escénica, distribución de espectáculos dentro e fóra de Galicia e contratación de compañía galegas no circuíto Cultura no Camiño.

Empresas privadas e entidades locais

Esta quinta liña de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, diríxese tanto empresas privadas como a entidades locais galegas organizadoras de festivais profesionais de artes escénicas con datas de celebración comprendidas entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro deste ano. A contía máxima da axuda é de 60.000 euros por proxecto, podendo alcanzar ata o 60 % do orzamento subvencionable. Esta porcentaxe elévase ata o 85 % no caso das solicitudes conxuntas de entidades locais ou daquelas resultantes de fusión.

Os certames candidatos deberán ter realizado dúas edicións anteriores e programar un mínimo de seis compañías. Entre os requisitos exixidos, establécese tamén que o orzamento destinado á contratación artística deberá acadar o 40 % do total e del, cando menos un 30 % deberá investirse en compañías compostas maioritariamente por artistas que desenvolvan a súa actividade profesional en Galicia. Ademais, un mínimo do 60 % da carteleira ten que ser de pago por parte do público, excepto nos festivais de rúa.


  • Imaxe: Presentación de Mulleres que viven soas, da compañía Berrobambán, no Festival Internacional de Outono de Carballo, FIOT 2024 (foto Vanessa Rábade)