Share

O Centro Dramático Galego ofrece cinco funcións semanais de ‘A burra, a mesa e o pau’ no Salón Teatro

O Centro Dramático Galego retoma este mércores as representacións do seu último espectáculo de produción propia: A burra, a mesa e o pau, do que ofrecerá ata o 20 de abril cinco funcións semanais no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A montaxe, con dirección e dramaturxia de Lorena Conde, conta cun elenco de 15 actores e actrices que integran Xúlio Abonjo, Maika Aguado, Beatriz Barcia, Xosé Manuel Esperante, Andrés Giráldez, Alixa Ladson, Roberto Leal, Mario López, Pablo Loureiro, Carla Mojón, Grial Montes, Paloma Otero, Paulo Serantes, Nelu Vermouth e Arantza Villar para dar vida a unha proposta escénica ideada como unha fábula arredor dunha familia obreira galega desexosa de atopar solucións máxicas para saír da súa precariedade.

Despois da estrea do 6 de marzo e dos tres pases adicionais levados a cabo a semana pasada, a unidade teatral da Xunta de Galicia ten programadas 30 novas funcións, todas ás 18,00 horas, nas que continuará avanzando no seu compromiso coa inclusión, a mobilidade e a descentralización, en liña coa recentemente aprobada Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. A este respecto, A burra, a mesa e o pau dispón de interpretación a lingua de signos, subtítulos para os dispositivos móbiles, programa de lectura fácil e, nas sesións descontraídas dos mércores, o acondicionamento especial da sala. Tamén se consolida a campaña de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?, que facilita servizo gratuíto de autocares para ver o espectáculo e á que xa se sumaron 65 concellos das catro provincias. As entradas poden adquirirse na web ataquilla.com e no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto os días de función desde as 16,00 h.