A Xunta colabora coa Fundación Carlos Casares no 18º Curso de Medios Audiovisuais de Celanova
Desenvolverase do 28 de xuño ao 1 de xullo baixo o título Cinema no bisturí. Deconstruíndo o audiovisual galego actual
Os equipos de Código Emperador, 13 exorcismos, Honeymoon, O home e o can e La manzana de oro compartirán co alumnado diferentes aspectos dos procesos creativos e de produción
O encontro dedicaralle unha sesión ás proxeccións das curtametraxes do catálogo Shorts from Galicia 2022, editado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades

O Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC) chega este verán á súa 18ª edición, cun programa que afondará nos distintos procesos creativos e de produción cinematográfica a través das experiencias que compartirán co alumnado os equipos de cinco longas galegas e das curtametraxes do catálogo Shorts from Galicia 2022, editado pola Xunta. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades volve colaborar nesta iniciativa formativa, que se desenvolverá na localidade ourensá do 28 de xuño ao 1 de xullo baixo a organización da Fundación Carlos Casares xunto coa Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Os responsables do CeMAC anunciaron hoxe os contidos desta nova entrega, que baixo o título Cinema no bisturí. Deconstruíndo o audiovisual galego actual, analizará as singularidades da ficción a través de exemplos de filmes xa estreados ou en proceso cara á súa próxima chegada ás pantallas, a meirande parte deles con subvención da Xunta de Galicia a través da convocatoria de axudas á produción e coprodución audiovisual e do fondo para a atracción de rodaxes do Hub Audiovisual galego.
Así, contarase con diferentes integrantes do equipo de Código Emperador, de Vaca Films, para ofrecer diferentes perspectivas artísticas e técnicas tanto desde o punto de vista da dirección, con Jorge Coira; da produción, con Emma Lustres e Borja Pena; do deseño e posprodución de son, con Diego Staub; dos efectos visuais e sonoros, con Pablo Lamosa e Miguel Barnosa; da música, con Xavi Font e Elba Fernández, ou da dirección de fotografía, con Pablo Rosso.
Rodaxes en Galicia
O CeMAC achegarase tamén ao proceso no que se atopan outras catro longametraxes rodadas nos últimos meses na provincia de Ourense e noutras localizacións do resto de Galicia, como Honeymoon, de Control Z; 13 exorcismos, de Bambú Producciones; O home e o can, de Ézaro Films, e La manzana de oro, con Xosé Zapata na coprodución.
Ademais, este ano dedicaráselle unha sesión especial ás curtas recollidas na edición de 2022 do catálogo Shorts from Galicia, editado cada ano pola Xunta co fin de contribuír á proxección internacional das curtametraxes con selo galego.
O curso inclúe, por undécimo ano consecutivo, o taller Celanova, plató de ficción, baixo a dirección de Paulino Pérez Feijoo. Esta experiencia, eminentemente práctica, está dirixida ao alumnado de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo e ten como obxectivo a produción dunha peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado.
Apoio á formación continua
O profesor Paulino Pérez é tamén, xunto con Miguel Anxo Fernández, o codirector do CeMAC, que nas súas 17 edicións precedentes ten congregado máis de mil alumnos e arredor de 200 profesionais convidados. A colaboración da Xunta de Galicia no seu desenvolvemento insírese na liña de apoio a diferentes programas de formación no ámbito audiovisual que mantén a Axencia Galega das Industrias Culturais. Entre eles, atópanse os dirixidos especificamente aos profesionais do sector e organizados ben de xeito directo a través das sesións de Galicia ProFilme, ben en colaboración con outras entidades, como a Academia Galega do Audiovisual, a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) ou a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e a Realización CREA.
Promóvense, ao tempo, outras iniciativa pedagóxicas destinadas a quen aspiran a ser parte do sector no futuro: desde Cine en curso, un programa internacional destinado a escolares e desenvolvido na nosa Comunidade pola Filmoteca de Galicia, ata o apoio ao programa AuGAL, tamén en colaboración coa Universidade de Vigo, ademais do propio Curso de Medios Audiovisuais de Celanova.