Share

A Xunta pon en marcha a 10ª edición do programa Cultura no Camiño coa convocatoria aos concellos das rutas xacobeas

Destina 230.000 á liña de subvencións á que poden optar as entidades locais para programar espectáculos de artes escénicas e musicais entre o 15 de xullo e o 10 de setembro no marco da celebración do Xacobeo 21-22

O circuíto mantén como prioridade a dinamización cultural das localidades polas que discorren os diferentes camiños de Santiago en Galicia, ao tempo que favorece a contratación de formacións artísticas profesionais con sede en Galicia

A Xunta pon en marcha a 10ª edición do programa Cultura no Camiño coa convocatoria aos concellos das rutas xacobeas

A Xunta prepara a 10ª edición do seu programa Cultura no Camiño, para a que mantén aberta a convocatoria de axudas ás que poden acollerse os concellos polos que discorren as diferentes rutas xacobeas en Galicia co fin de programar espectáculos galegos de artes escénicas e musicais entre o 15 de xullo e o 10 de setembro, no marco da celebración do Xacobeo 21-22.O Diario Oficial de Galicia publicou as bases destas subvencións da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, dotadas con 230.000 euros para cofinanciar actuacións de teatro, música, danza, circo e maxia, en diferentes porcentaxes segundo o número de habitantes do concello solicitante. Así, a Xunta asumirá ata o 50% do custo das contratacións artísticas en municipios de menos de 20.000 habitantes, cunha contía máxima de 2500 euros por adxudicación, e ata o 40% nas entidades que superen esta poboación, cun límite de 3500 euros por axuda.

Concorrencia non competitiva
A súa concesión seguirá o procedemento de concorrencia non competitiva de xeito abreviado, segundo o que as subvencións outorgaranse por orde de entrada ben ata a fin do prazo o vindeiro 6 de xullo, ben ata o esgotamento do crédito. Poderán optar a elas tanto entidades locais a título individual como agrupadas en mancomunidade, asociación, fusión ou outra fórmula similar.
 
Para configurar a oferta de Cultura no Camiño 2022, cada entidade subvencionada deberá programar un mínimo de dúas actuacións de teatro, danza, música, circo ou maxia a partir dun catálogo específico cos espectáculos que se rexistraron na convocatoria aberta o pasado mes de maio para compañías escénicas e grupos de música profesionais con sede en Galicia. 
 
Décimo aniversario
O circuíto Cultura no Camiño celebra en 2022 o seu décimo aniversario recuperando o obxectivo prioritario co que botou a andar en 2013 para contribuír á dinamización cultural das localidades polas que discorren os camiños de Santiago ao seu paso por Galicia, focalizado nos meses de maior afluencia tanto de peregrinos como de visitantes. Ao tempo, contribúese á descentralización da oferta cultural galega e favorécese a contratación de espectáculos producidos en Galicia de xeito profesional.
 
Nos dous anos anteriores, o programa abriuse excepcionalmente á participación de todos os concellos de Galicia co fin de impulsar a reactivación da actividade cultural e proporcionarlle unha importante inxección económica ás empresas galegas de produción e distribución escénica e musical fronte aos efectos da pandemia no sector.
 
-Máis información