Share

A Xunta colabora coa Federación de Bandas de Música Populares nas novas edicións do seu certame e do concurso de composición

O director da Agadic e o presidente da FGBMP asinaron un convenio a través do que se amplía ata 90.000 euros o apoio económico ás principais actividades de formación e divulgación desenvolvidas por este colectivo

A Xunta colabora coa Federación de Bandas de Música Populares nas novas edicións do seu certame e do concurso de composición

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora un ano máis coa Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) para apoiar o labor de formación e divulgación desenvolvido polo colectivo, que reúne preto dun cento de formacións de toda Galicia.
Entre as actividades programadas en 2018, destacan a organización do XII Certame Galego de Bandas de Música Populares e do XI Concurso Galego de Composición.
 
A través do convenio asinado entre o director da Agadic, Jacobo Sutil Nesta, e o presidente da FGBMP, Iván Estévez Sabucedo, a Xunta amplía a 90.000 euros (20.000 máis que o ano anterior) o seu apoio económico a esta entidade, co que se busca impulsar o traballo de formación instrumental e de divulgación musical que realizan en Galicia este tipo de formacións.
 
O documento destaca entre os eventos máis sobresaíntes da Federación o seu Certame Galego de Bandas de Música, un encontro xa consolidado que reúne cada ano en Santiago de Compostela preto de mil músicos de toda Galicia, moitos deles mozas e mozos que garanten o futuro do movemento bandístico na nosa Comunidade.
 
Novas seccións
Esta duodécima edición da iniciativa, que desenvolve durante todo o ano concertos de promoción a cargo das 18 bandas seleccionadas, culminará na primeira fin de semana de novembro cunha gala de clausura no Auditorio de Galicia, en Santiago, na que se darán a coñecer as formacións gañadoras nas diferentes seccións. En 2018, ás tres categorías habituais en función do número de integrantes (primeira para máis de 71 músicos, segunda para bandas de entre 51 e 70 membros e terceira para un máximo 50 músicos), súmanse outras dúas seccións: infantil e xuvenil.
 
En canto ao Concurso Galego de Composición para Bandas, o obxectivo é cubrir a escaseza de repertorio musical de autoría galega para ser interpretado especificamente por este tipo de agrupacións.
 
As pezas gañadoras desta undécima edición serán estreadas e executadas no Certame Galego de Bandas de Música de 2019, así como no deste ano serán interpretadas varias das obras premiadas en 2017. En concreto, serán de obrigada execución para a sección primeira Suite Istoria, de Gerardo Israel Quintas Alonso; para a segunda, Lendas do Monte Pindo, de Christian Overhead; para a terceira, A cova sumerxida, de Carmen Rodríguez Rodríguez; para a xuvenil, As dúas en punto (a hora da rebeldía), de Lois Pimentel Iglesias; e para a infantil, Alborada galega, de Pascual Veiga, con instrumentación de J.L. Represas.

-Federación Galega de Bandas de Música Populares