O prestixioso taller EAVE de produción audiovisual ábrese aos profesionais e estudantes galegos en colaboración coa Xunta
A Agadic asinou un acordo coa entidade luxemburguesa promotora para que Santiago acolla do 22 ao 29 de outubro a terceira e última residencia da actual edición do encontro
En paralelo, a organización seleccionará oito participantes galegos para desenvolver un taller feito á súa medida polo profesorado do EAVE e para o que as solicitudes deben formalizarse antes do 4 de setembro
O programa formativo EAVE (European Audiovisual Entrepreneurs) recalará do 22 ao 29 de outubro en Galicia para celebrar en Santiago a terceira e última residencia de 2018 do seu emblemático EAVE Producers Workshop. A Xunta, a través da Agadic, colabora coa organización para situar a capital galega como unha das sedes do prestixioso encontro.
Ademais e grazas ao acordo coa entidade luxemburguesa promotora, xunto ao medio centenar de produtores de 36 países matriculados no taller anual, o EAVE Producers Workshop abrirá as súas portas á participación galega mediante dúas vías. En primeiro lugar, facilitándolles aos profesionais e estudantes da nosa Comunidade o acceso gratuíto a todas as sesións formativas e divulgativas de carácter plenario que terán lugar en Santiago. Neste caso, a organización habilitará a inscrición a través do web eave.org no mes de setembro.
Taller local
Ademais, seleccionaranse oito participantes galegos para un taller feito á medida das súas necesidades polo profesorado do EAVE. A solicitude debe realizarse antes do 4 de setembro, enviando ao mail satu [at] eave.org o formulario e os documentos requiridos no devandito web.
O programa desta sección específica deseñarase de acordo aos intereses dos seleccionados en temas como o desenvolvemento da súa carreira, planificación empresarial, financiamento e cuestións xurídicas en materia de coprodución, vendas e distribución, o mercado internacional, estratexia da participación en festivais ou márketing. Ademais de ter acceso ás sesións plenarias do taller xeral, centrado no desenvolvemento de proxectos audiovisuais de ficción e documentais, o grupo galego manterá reunións individuais con asesores expertos e asistirá a unha xornada de traballo en común, que correrá a cargo dos consultores internacionais que lideran esta iniciativa formativa.
Deste xeito, a que será a última residencia de 2018 do EAVE Producers Workshop, despois das xa celebradas en Luxemburgo e Noruega, permitiralles aos integrantes da industria audiovisual galega entrar en contacto directo cos 50 produtores internacionais participantes nesta edición e mais co equipo pedagóxico.
Fundado en 1988, o EAVE está considerado como o principal programa de capacitación e desenvolvemento de produtores audiovisuais en Europa. Nos últimos anos, ampliou as súas oportunidades de formación con novas alianzas en América Latina e Asia. O Producers Workshop é o seu programa estrela, por ser un dos máis relevantes e de maior éxito para a coprodución internacional a nivel europeo. Moitos dos seus proxectos acadan bos resultados en recadación, vendas, distribución e presenza en festivais cinematográficos de primeira liña, e os premios máis importantes do mundo contan con títulos impulsados polo alumnado do EAVE.