A Xunta apoia a presenza da cultura galega en 23 países a través das axudas da Agadic á distribución de espectáculos
Estas subvencións, dotadas en 2018 con 450.000 euros, contribúen ao desenvolvemento de 538 actuacións e accións de promoción internacional
A Xunta adxudicou este ano 450.000 euros en subvencións para actividades de distribución nas industrias culturais, a través das que se apoia a presenza da cultura galega en diferentes localidades españolas e doutros 23 países. A Agadic completou a concesión destas axudas coa publicación neste web da segunda e última quenda de adxudicacións.
As contías aprobadas destínanse a cofinanciar os gastos asumidos por empresas culturais galegas no desenvolvemento de 538 actuacións escénicas, concertos e accións de promoción en Alemaña, Austria, Bélxica, Brasil, Canadá, Colombia, Cuba, Dinamarca, Ecuador, Estados Unidos, Francia, Grecia, Guatemala, Holanda, Reino Unido, Israel, Italia, México, Perú, Polonia, Portugal, Suecia e Suíza, ademais de en Galicia e no resto de España.
Xiras estatais e internacionais
Do total do orzamento adxudicado, arredor de 320.000 euros invístense en espectáculos ofrecidos por compañías escénicas e de grupos de música galegos nas súas xiras estatais e internacionais.
No caso da música, nesta listaxe atópanse, entre outros, os concertos realizados este ano por Anxo Lorenzo en Bélxica, Francia, Holanda, Reino Unido, Toledo e Madrid; Alfonso Franco e o cuarteto Dadga en México; Carlos Núñez en Alemaña, Canadá, Estados Unidos, Francia, Italia e unha quincena de escenarios españois; Caxade en Cataluña; Galicia Fiddle en Reino Unido; Guadi Galego en Portugal, Asturias e Comunidade Valenciana; Luar na Lubre en Bélxica, Francia, Gran Bretaña e numerosas cidades españolas; Radio Cos en Bélxica, Polonia e Burgos; O Sonoro Maxín e Os D’Abaixo tamén en Cataluña; Pelepau en Madrid; Rodrigo Romaní en Francia; Roi Casal en Brasil e Suíza; Son de Seu en Portugal, Baleares e Castela e León; Susana Seivane en Francia e Cataluña; Uxía en Austria, Estados Unidos, Francia, Portugal, Reino Unido e Murcia; e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre en Bélxica, Holanda, Suecia, Andalucía, Castela e León e Madrid.
Así mesmo, contribúese ao desenvolvemento das xiras estatais de Agoraphobia, Fernando Barroso, Pasajero, Novedades Carminha, Odaiko, Samuel Diz, Sumrrá e Xoel López.
Danza e teatro
Tamén cómpre destacar a presenza exterior de formacións escénicas, como as de danza Entremans en Canarias e Valencia; Javier Martín en Ecuador, Guatemala, México e Portugal; La Macana no País Vasco e Canarias; Las Tricotouses en Andalucía, Aragón, Madrid e País Vasco; Mikel Aristegui na Comunidade Valenciana; Nova Galega de Danza en Italia, Israel e Cataluña; Paula Quintas en Cataluña; e Pisando Ovos en Portugal.
En teatro, apóianse as representacións de Cinema Sticado en Suíza; El Retrete de Dorian Grey en Alemaña, Dinamarca, Grecia, Andalucía e País Vasco; Elegante Elegante en Portugal; Gustavo del Río en Perú; Producións Teatráis Excéntricas en Portugal; Teatro Ensalle en México, Estremadura, Madrid, País Vasco e Valencia, así como as xiras estatais de Caramuxo Teatro, Baobab Teatro, Galitoon, Ibuprofeno Teatro, Matarile Teatro, Os Monicreques de Kukas, Os Náufragos Teatro, Títeres Alacrán, Títeres Cachirulo e Voadora. Ademais, tamén recibiu subvención a compañía de circo asSircópatas para actuar en Italia.
Mercados profesionais
Unha das modalidades desta liña de axudas subvencións está dirixida especificamente a colaborar coa actividade promocional das empresas culturais galegas nunha vintena de mercados internacionais en países como Alemaña, Colombia, Cuba, EE.UU., Francia, Portugal ou Suíza, dedicados principalmente aos sectores da música, o audiovisual, o teatro e a arte contemporánea.
Estas subvencións inclúen, así mesmo, unha cuarta categoría para actuacións escénicas dentro de Galicia, mediante a que se subvencionan 81 funcións en 40 localidades das compañías Contraproducións, Malasombra Producións, Producións Teatráis Excéntricas, Redrum Teatro, Somos Criminais, Teatro do Noroeste e Sarabela Teatro.
-Máis información