Bande, Arzúa, Caldas e Monforte acollen novas citas do ciclo Danza 3 de difusión da música e o baile tradicionais
A Xunta colabora un ano máis coas agrupacións Cantigas e Agarimos de Santiago, O Fiadeiro de Vigo e Xacarandaina da Coruña para levar a cabo 15 funcións en colaboración con outros tantos concellos das catro provincias
A praza da Constitución de Bande será o escenario este domingo do espectáculo de O Fiadeiro, que tamén se presentará o día 16 en Arzúa, mentres que Cantigas e Agarimos actuará ese mesmo día en Caldas de Reis e o 21 en Monforte de Lemos
O programa de difusión da música e o baile tradicionais Danza 3 continúa o seu percorrido por Galicia con catro novas citas ata finais do mes de agosto en céntricas prazas das localidades de Bande (domingo día 12), Arzúa (xoves día 16), Caldas de Reis (tamén o día 16) e Monforte de Lemos (martes día 21).
A Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), promove por sexto ano consecutivo este ciclo, que en 2018 ofrecerá 15 actuacións en colaboración coas agrupacións do colectivo XOC (Xacarandaina da Coruña, O Fiadeiro de Vigo e Cantigas e Agarimos de Santiago) e os concellos participantes.
A próxima función do seu calendario, que se estende de abril a novembro, será a que O Fiadero levará a cabo este domingo, ás 20,00 h., na praza da Constitución de Bande (Ourense), á que seguirá a do xoves 16 de agosto, ás 21.00 h., na praza de Galicia de Arzúa (A Coruña). Tamén o día 16, Cantigas e Agarimos actuará ás 12,30 h. na praza das Palmeiras de Caldas de Reis (Pontevedra), mentres que o martes 21 farao ás 22,30 h. na praza de España de Monforte de Lemos (Lugo).
En todas estas representacións ao aire libre, as agrupacións exhiben a pé de rúa unha mostra do seu amplo repertorio, nunha proposta artística que se adapta a cada un dos espazos e a través da que se busca implicar aos espectadores. Así mesmo, Danza 3 inclúe tres galas en auditorios municipais, para as que cada colectivo preparou un espectáculo especial coa incorporación de deseños de escenografía e iluminación.
Precisamente serán dúas destas galas as encargadas de pechar a edición de 2018 do programa: a que ofrecerá Xacarandaina en Burela o 27 de outubro e Cantigas e Agarimos en Vila de Cruces o 3 de novembro.
A Agadic colabora co colectivo XOC nesta iniciativa co obxectivo de contribuír a lle dar unha maior visibilidade ao traballo a prol do folclore galego que desenvolven a diario este tipo de agrupacións.