Galicia será o territorio convidado de honor na edición de 2019 do Festival Intercéltico de Lorient
Suporá un protagonismo especial para a nosa comunidade nesta histórico encontro da cultura celta
Galicia será o territorio convidado de honor á vindeira edición do Festival Intercéltico de Lorient. Así o confirmou hoxe a propia organización do evento, que presentou nunha conferencia de prensa o cartel promocional da cita para o 2019, no que se fai referencia á 49ª edición como “O ano de Galicia”. A nova foi tamén publicada no propio web do festival.
Cómpre lembrar que a pasada semana o director da Agadic, Jacobo Sutil, desprazouse a Lorient para avanzar xunto coa organización do festival nesta posibilidade, que supón o máximo protagonismo para a nosa comunidade neste histórico encontro da cultura celta, así como unha importante visibilidade para a delegación galega que viaxe ao festival. Polo tanto, o compromiso da Xunta de Galicia foi moi importante para acadar este convite, un traballo que se enmarca na actividade de promoción e difusión da cultura galega que se vén desenvolvendo desde o Goberno autonómico.
Neste sentido, Galicia conta habitualmente cunha ampla representación nesta cita. Non en balde, na actual 48ª edición, na que o territorio convidado de honor é o País de Gales, participan Uxía (acompañada por unha banda integrada por Quim Farinha, Santi Cribeiro, Isaac Palacín, Bluenn Le Friec, José Manuel Díaz e Sérgio Tannus), Rodrígo Romaní, Beatriz Martínez, Xulia Feixóo, a Banda de Gaitas Son da Chaira de Rábade-Begonte, o grupo de baile Saiñas de Xove, o gaiteiro Anxo Lorenzo, Pepe Vaamonde e o cuarteto Sementeira. Así mesmo, o 33 Trofeo Mac Crimmon de Gaita peninsular contou con catro solistas galegos: Xesús Rodríguez, Manuel Seoane, Diego Prieto e Raquel Vilas. No caso de Uxía e Rodrigo Romaní, a Agadic prestou o seu apoio ao desprazamento e gastos a través das subvencións a distribución.
Con 48 anos de historia, o Festival Intercéltico de Lorient reúne en cada edición máis de 4.500 artistas de Bretaña, Escocia, Gales (país convidado este ano), Cornualles, Illa de Man e Irlanda, así como de Galicia e Asturias, ademais duns 120.000 espectadores con entrada e 750.000 visitantes na localidade. A 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient celebrarase na localidade bretoa entre o 2 e o 11 de agosto de 2019.