A Xunta apoia as actividades de mediación do programa de residencias e investigación ‘Atopémonos Bailando’
O proxecto ao redor da danza e das artes do movemento celebra a súa terceira edición con oito compañías e artistas de Galicia, resto de España, Portugal e Costa Rica
Oito compañías e artistas forman parte do programa Atopémonos Bailando, dirixido á creación de danza e artes do movemento de Galicia, resto de España, Portugal e Costa Rica. A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais, apoia a terceira edición desta iniciativa que ten lugar no museo MIHL da cidade de Lugo. Faino desde o nacemento do proxecto, en 2022, cunha achega económica para desenvolver as actividades expandidas, que nesta edición comezan mañá sábado, coa finalidade de fomentar a conexión do público coa danza.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse en Santiago de Compostela na véspera deste arranque con membros do Colectivo Glovo, impulsor deste programa que ten como obxectivo principal crear un espazo de creación e investigación das artes do movemento, con especial atención ás mulleres artistas.
Concorda é o título da primeira das tres actividades de mediación apoiadas pola Xunta de Galicia. O obradoiro deste 4 de maio está conducido por Caterina Gameiro e Mariana Frazão e dirixido a todas aquelas persoas con curiosidade polo mundo da danza. A segunda actividade terá lugar o 8 de xuño, tamén no MIHL de Lugo, baixo o título Vesperi Lux da man de Miguel Gendre e Juanma Lodo, e dirixida ao público xeral na liña de fomentar audiencias para a danza e as artes do movemento. As actividades rematarán o 13 de agosto co obradoiro Principio de incertidume, para todas as idades e impartido por Marina Melero.
O Colectivo Glovo, formado por Esther Latorre e Hugo Pereira, organiza o programa Atopémonos Bailando, que selecciona oito compañías e artistas para outras tantas residencias de creación e investigación cunha estadía de entre cinco e 10 días. Tres delas participan en intercambio con outros programas de residencias internacionais en Costa Rica e Portugal.
O apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais céntrase no obxectivo deste proxecto de difundir e achegarlle á cidadanía xeral os procesos de creación, a través da súa apertura a todas aquelas persoas interesadas na danza e nas artes do movemento.