Comeza en Sanxenxo a rodaxe do filme subvencionado pola Xunta 'Así chegou a noite'
A terceira longametraxe do realizador pontevedrés Ángel Santos filmarase tamén en localizacións do Grove e Meaño ata o mes de xuño
Maruxiña Films obtivo unha subvención autonómica de máis de 255.000 euros para a produción desta película, que tamén recibiu apoio na súa fase previa de desenvolvemento
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe en Sanxenxo na presentación do inicio da rodaxe de Así chegou a noite, terceira longametraxe do realizador pontevedrés Ángel Santos, que produce a compañía galega Maruxiña Films con subvención da Xunta de Galicia. Conta para a súa realización cunha axuda de máis de 255.000 euros a través dunha das convocatorias anuais da Axencia Galega das Industrias Culturais para producións e coproducións audiovisuais.
A película, que tamén recibira apoio autonómico para o desenvolvemento dos seus traballos de preprodución, filmarase durante os meses de maio e xuño en diferentes localicacións deste concello, así como do Grove e Meaño. Nunha delas, o antigo cine de Vilalonga reconvertido no bar O Spa, tivo lugar este primeiro acto de presentación do filme, ao que asistiron, así mesmo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.
López Campos felicitou persoalmente o director de Así chegou a noite e o produtor Alfonso Zarauza pola traxectoria que lles permite dar comezo a esta nova rodaxe do audiovisual galego coa que se lle dá continuidade a un intenso período de actividade protagonizado polas compañías galegas, con varias estreas e rodaxes en marcha.
Máis de 2,5M€ para produción de títulos galegos
En moitos destes casos, como o da película de Ángel Santos, materialízanse proxectos que contan con subvención a través da liña para producións e coproducións audiovisuais que, con 2,5 millóns de euros, é a de maior dotación das oito convocatorias dirixidas ao sector que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude está a publicar durante este 2024.
Os galegos Denís Gómez e Miquel Insua protagonizan, xunto á actriz Violeta Gil, esta historia sobre un escultor que establece o seu taller nunha apartada zona rural da costa galega. A chegada dunha antiga amante provocará nel a reflexión sobre o seu desexo de illamentos e a necesidade dunha fuxida.
Desde os inicios da súa traxectoria no marco do chamado Novo Cinema Galego, Ángel Santos alterna a dirección e escrita de curtas e longametraxes, tanto de ficción como documentais. Con Las altas presiones, a súa segunda longa, obtivo o Premio Novas Olas á mellor película europea da súa categoría no Festival de Cine Europeo de Sevilla. Cofundador de Novos Cinemas, Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, é tamén colaborador habitual da Filmoteca de Galicia no desenvolvemento do seu programa didáctico Cinema en Curso.