A segunda aceleradora musical 'Sonermerxente' pecha a fase de titorías grupais cun obradoiro sobre a importancia da saúde mental
Rosana Corbacho, psicóloga especializada na industria musical, abordou con artistas e bandas a xestión de éxitos e fracasos e o autocoidado
O programa de aceleración musical da Xunta en colaboración coa Fundación Paideia Galiza, continuará con sesións individuais e coa promoción e difusión dos proxectos
O programa de aceleración musical Sonermerxente que desenvolve a Xunta de Galicia coa Fundación Paideia Galiza celebrou a súa última sesión presencial na Cidade da Cultura de Galicia. O benestar emocional no mundo da música e a importancia da saúde mental centraron o último obradoiro grupal desta edición, impartido pola psicóloga especializada na industria musical, Rosana Corbacho. Abril, Amoebo, Candela Liste, Catuxa Salom, Eris Mackenzie, Filloas, French Riviera, Futuro Alcalde, Habló Pablo, Javier Lago, Marián e Verter GZ son os 12 artistas e grupos beneficiarios nesta edición do programa que, tralo traballo feito desde o mes de xaneiro continuará ata o mes de outubro con sesións individuais e cunha nova fase centrada na promoción e difusión dos proxectos.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, mantivo un encontro cos representantes das bandas e artistas como benvida a esta sesión formativa, no que tivo a oportunidade de coñecer de preto as experiencias que está a vivir cada un deles e o proveito que supón para o impulso das súas traxectorias artísticas estar a formar parte da aceleradora.
Mentorías de formación individual e grupal ocuparon o calendario de Sonemerxente nas pasadas semanas incidindo en áreas como a produción, promoción, comercialización e modelo de negocio. Deste xeito, os 12 proxectos seleccionados afondaron en recursos e ferramentas para mellorar a conexión co público, a posta en escena, as estratexias de comunicación ou a produción de temas e videoclips, entre outros aspectos.
A primeira fase do programa contou coa participación de 14 docentes, todos eles profesionais do sector musical en diferentes áreas como o management, a produción artística e técnica, a xestión de recintos ou a creación audiovisual.
A saúde mental en xiras
Nesta última sesión grupal, Rosana Corbacho, psicóloga clínica especializada na industria musical e fundadora de M.I. Therapy, centrou os contidos na xestión de éxitos e fracasos e no autocoidado en relación ás carreiras artísticas. Corbacho, que actualmente forma parte de firmas dedicadas á saúde mental en xiras internacionais, remarcoulles ás persoas participantes a importancia de non esquecer este aspecto esencial do benestar persoal nas súas futuras carreiras.
O último período de Sonemerxente dedicarase á promoción e difusión dos 12 proxectos, que participarán en circuítos de concertos, festivais e mercados profesionais dentro e fóra de Galicia. Este programa de aceleración musical, dotado con 240.000 euros e financiado cos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea, tamén inclúe un evento final de presentación das propostas.