Share

O equipo de ‘As neves’ regresa á Fonsagrada para a preestrea desta longa rodada en Galicia cunha das axudas da Xunta á produción audiovisual

Coproducida por Cósmica Producións e Aquí y Allí Films, a película contou cunha subvención autonómica de 260.000 euros, ademais de ter sido apoiada durante a súa fase previa de desenvolvemento

O debut na longametraxe da realizadora galega Sonia Méndez chegará ao circuíto comercial o vindeiro 10 de maio

O equipo de As neves, primeira longametraxe da directora e guionista viguesa Sonia Méndez, compartiu hoxe co público da Fonsagrada a preestrea do filme, que foi rodado en diferentes localizacións do municipio, así como noutros concellos da provincia de Lugo e en Santiago de Compostela. Cósmica Producións contou co apoio da Xunta de Galicia desde o inicio deste proxecto, subvencionado xa na súa fase previa de desenvolvemento e polo que se lle concedeu a continuación unha axuda de 260.000 euros a través da convocatoria de 2021 para producións e coproducións audiovisuais.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación do filme neste pase especial, ao que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude aproveitou a súa intervención para felicitar publicamente a directora, intérpretes e ao resto do equipo do filme por este traballo, no que se abordan as graves consecuencias do acoso nas redes sociais, especialmente entre a mocidade.

“As estreas dos filmes que contribuímos a materializar desde a Xunta de Galicia constitúen sempre ocasións moi felices para nós. E son aínda máis emotivas, se cabe, cando  se realizan no lugar que acolleu a rodaxe e coa veciñanza que conviviu co equipo da filmación durante esas semanas de traballo”, sinalou o responsable de Industrias Culturais, quen gabou así mesmo o valor engadido do audiovisual para a expansión da nosa cultura galega e o seu efecto tractor e multiplicador para toda a economía galega.

Elenco novel

A provincia de Lugo concentrou a meirande parte dos escenarios deste drama psicolóxico, protagonizado por un elenco maioritariamente novel para contar a historia dun grupo de adolescentes nunha remota comunidade do interior a raíz da desaparición dunha das súas amigas durante a celebración do Entroido. O filme foi estreado na pasada edición do Festival de Málaga e poderá verse nas salas de cinema a partir do 10 de maio.

As neves, coproducida con Aquí y Allí Films, é a primeira experiencia de Sonia Méndez como directora e guionista dunha longametraxe de ficción, se ben conta cunha recoñecida traxectoria de máis de vinte anos no sector audiovisual, tanto na dirección como no guión, actuación e produción, con galardóns como os premios Mestre Mateo á mellor curtametraxe nos anos 2011 e 2012 por As damas Negras e Conversación cunha muller morta. É, así mesmo, a directora do festival de contidos dixitais Carballo Interplay.