Vigo acolle a estrea de 'Casa O'Rei' dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios
A obra de Ibuprofeno Teatro, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir do Rei Lear de Shakespeare, ambientado aquí nunha típica casa de comidas galega
Esta peza foi apoiada con máis de 35.000 euros nas subvencións á produción escénica de Agadic para 2017
O Auditorio Municipal de Vigo acolle o venres 2 e o sábado 3 de marzo, ás 21,00 h., a estrea de Casa O’Rei, a peza coa que Ibuprofeno Teatro pecha a “triloxía gastronómica” da que tamén forman parte O furancho e Raclette. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) contribúe dobremente á chegada aos escenarios deste novo espectáculo.
Dunha banda, apóiaa como montaxe subvencionada con 35.521 euros a través das axudas á produción escénica de 2017, e doutra, como unha das estreas incluídas na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto promovido pola Xunta en colaboración cuns corenta espazos de toda Galicia.
O Auditorio Municipal é a sede viguesa desta rede, no marco da que durante este primeiro semestre do ano ofrece 25 actuacións de música, de danza e, sobre todo, de teatro para públicos diversos. A Agadic e o Concello de Vigo fan un investimento conxunto de 53.250 euros nesta carteleira.
A cociña como escenario
En Casa O’Rei, Ibuprofeno Teatro propón un xogo escénico e dramatúrxico que parte do Rei Lear de William Shakespeare, pero ambientando nunha típica casa de comidas galega o drama sucesorio daquel clásico. A reflexión sobre a unidade familiar como desenvolvedora do individuo guía a acción, enmarcada no opresivo ambiente da cociña como único escenario.
Así, continúa o camiño aberto por esta compañía galega nas súas anteriores montaxes, todas elas proxectos persoais e independentes á procura dunha linguaxe recoñecible coa que tratar os temas claves que afectan ao ser humano contemporáneo. Escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, gañador do Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e do María Casares ao mellor texto orixinal por Raclette, esta nova proposta xunta un bo número de profesionais de prestixio: á presenza no reparto de Miguel Borines, Victoria Teijeiro, Marián Bañobre, Teté García, Víctor Mosqueira e Xosé M. Esperante, súmase a banda sonora de Alonso Caxade ou a escenografía de Pablo Giráldez ‘Pastor’.
Entre as próximas funcións da Rede Galega de Teatros e Auditorios en Vigo atopamos outras interesantes propostas para público adulto, como Emilia de Teatro de Barrio (9 de marzo), Memorias dun ser humano disperso (versión 7.0) de Producións Dispersas (16 e 17 de marzo), Unha rosa entre as pernas de Teatro En Punto (16 e 17 de marzo) e Tradicción de Nova Galega de Danza (27 de abril).
En canto á oferta para público familiar, actuarán proximamente no Auditorio Municipal Tanxarina con As bombas do xeneral (4 de marzo), Caramuxo Teatro con Ela (11 de marzo), Berrobambán con Xurdefer (Jour de fête) (18 de marzo), Elefante Elegante con Danza da choiva (8 de abril), Viu El Teatre con Pintamúsica! (22 de abril) e Entremans con Gaia (29 de abril).
Circuíto profesional
A Rede Galega de Teatros e Auditorios é un circuíto de programación escénica que leva funcionando de xeito continuado desde 1996. Trátase do principal mercado interior para as propostas escénicas galegas producidas de xeito profesional e conta cun orzamento para este primeiro semestre de 863.714 euros (448.850 por parte da Agadic e 414.836, das entidades locais titulares dos teatros e auditorios).
Esta primeira carteleira de 2018 achegaralles aos espectadores de 37 concellos de toda Galicia 346 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo de 106 formacións artísticas, un 90% delas galegas.
A súa programación completa pode consultarse en www.agadic.gal/Axenda e en www.cultura.gal/gl/axenda.