Share

A Agadic colabora co festival Pórtico do Paraíso de Ourense no oitavo centenario da obra escultórica que lle dá nome

Carlos Núñez ofrecerá este venres na catedral o concerto inaugural con réplicas dos instrumentos medievais representados no pórtico

A undécima edición deste evento dedicado á música culta desenvólvese ata o 11 marzo en diferentes escenarios da cidade, así como en Monterrei e Xunqueira de Ambía

A Agadic colabora co festival Pórtico do Paraíso de Ourense no oitavo centenario da obra escultórica que lle dá nome

O gaiteiro Carlos Núñez inaugurará este venres día 2 o Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso, que un ano máis conta co apoio económico da Agadic como entidade colaboradora. Nesta undécima edición, o evento conmemorará o oitavo centenario do conxunto escultórico da catedral ourensá do que toma o seu nome.
Este templo será, precisamente, o escenario do concerto de apertura a cargo de Carlos Núñez, programado para o venres ás 21,00 h. Xunto ao seu grupo e a outros músicos convidados, interpretará un repertorio medieval coas réplicas dos instrumentos do Pórtico do Paraíso que foron realizadas no Obradoiro-Escola de Instrumentos da Deputación Provincial de Ourense, dirixido por Manuel Brañas.
 
O programa deste ano ofrecerá outros seis concertos de formacións orixinarias doutros tantos países. Na cidade de Ourense terán lugar catro destes recitais: Vida Guitar Quartet do Reino Unido, o domingo 4 no Liceo; o tenor e intérprete estadounidense –de nai galega e pai ucraíno– Wolodymyr Smishkewych (voz e organistrum), o martes 6 no Museo Arqueolóxico; o italiano Marco Beasley (voz, guitarra e laúde), o venres 9 na Igrexa de Santo Domingo; e a figura do flamenco e do jazz Antonio Serrano, á harmónica, xunto ao pianista Albert Sanz, o domingo 11 no Teatro Principal.
 
Un ano máis, o festival estende a súa carteleira a outras localidades da provincia, que neste caso serán Monterrei, onde o dúo suízo integrado por Arianna Savall e Petter U. Johansen (Suíza) actuará o sábado 3, e Xunqueira de Ambía, co concerto do sexteto vocal esloveno Ingenium Ensemble o sábado 10.
 
En canto ás actividades paralelas, o Conservatorio Profesional de Música de Ourense acollerá un curso intensivo de guitarra con Mark Ashford, do Vida Guitar Quartet, e unha clase maxistral con Wolodymyr Smishkewych.

-Fetsival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso