Share

As Residencias Paraíso do Colectivo RPM e Agadic contribúen á posta en marcha de oito novos proxectos de danza

Seleccionáronse as propostas de Javier Martín, Cris Balboa, Ánxela Blanco, Marco Antonio Regueiro Fariña, Luz Prado, Gena Baamonde, Laura Iturralde con Montse Piñeiro, e Federico Vladimir Strate Pezdirc con Pablo Esbert Lilienfeld

Jacobo Sutil participou na presentación da segunda edición deste programa para impulsar a investigación e a creación arredor das artes do movemento

As Residencias Paraíso do Colectivo RPM e Agadic contribúen á posta en marcha de oito novos proxectos de danza

A organización de Residencias Paraíso deu a coñecer hoxe os oito proxectos de danza que recibirán apoio económico e técnico na segunda edición deste programa, promovido polo Colectivo RPM en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para impulsar a investigación e a creación arredor das artes do movemento.

O director da Agadic participou na Coruña na presentación desta selección xunto os artistas membros de RPM (Rut Balbís, Alexis Fernández, Félix Fernández, Andrea Quintana e Caterina Varela) e unha representación das entidades que tamén prestan o seu apoio a esta iniciativa: Deputación Provincial da Coruña, Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra) e os concellos da Coruña, Carballo, Lugo, Narón, Ourense e Santiago de Compostela.

Nesta segunda edición, o programa ofreceu oito residencias artísticas de entre dúas e tres semanas de duración, que se desenvolverán ata o mes de novembro e para as que se conta cunha dotación total de 18.000 euros.

Como sinalou o director da Agadic na súa intervención, a experiencia do ano pasado vén confirmar que as Residencias Paraíso “están a ser, efectivamente, ese compañeiro útil no que os artistas atopan un espazo físico e un contexto afín ás súas inquedanzas, o que lles facilita en gran medida o desenvolvemento das súas propostas”.

Cifras en aumento
Para Jacobo Sutil, esta nova edición parte xa con datos moi positivos: “Engádense tres novos espazos receptores (Teatro Colón da Coruña, Sala Agustín Magán do CSC Santa Marta de Santiago e Sala X da Facultade de Belas Artes de Pontevedra), co que se incrementa a nove o número dos espazos colaboradores”, explicou, ao tempo que engadiu que este ano aumentou ata 80 a cifra de proxectos presentados, o 70 por cento deles galegos.

As propostas seleccionadas este ano son Método negro, de Javier Martín, para o Teatro Colón da Coruña; Lo que sigue, de Cris Balboa, para a Sala Agustín Magán de Santiago; Voo, de Ánxela Blanco, na Fundación Luís Seoane da Coruña; Sobre o concepto do tempo, de Marco Antonio Regueiro Fariña, para o Auditorio Municipal de Ourense; LVZ, de Luz Prado, para o Teatro Rosalía Castro da Coruña; Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos, de Gena Baamonde, para o Vello Cárcere de Lugo; Fío, de Laura Iturralde e Montse Piñeiro, para a Sala X da Facultade de Belas Artes de Pontevedra; e Status, de Federico Vladimir Strate Pezdirc e Pablo Esbert Lilienfeld, no Pazo da Cultura de Carballo.

Mención especial
Ademais deste grupo de artistas, a comisión de selección decidiu engadir unha mención especial á compañía formada Laura Villaverde e Roi Fernández co seu proxecto Illas Desertas, co que estarán en residencia no Pazo de Cultura de Narón durante unha semana.

A devandita comisión estivo integrada pola artista María Roja, Raquel Hernández, de Teatro Ensalle; Javier Cuevas, de Leal.Lav Tenerife; e Rut Balbís e Alexis Fernández, en representación do Colectivo RPM.

Cara á súa decisión, valoraron especialmente o equilibro de perfís tanto das traxectorias artísticas como dos proxectos. “Dende a aposta polos valores que levan anos desenvolvendo un labor artístico destacable no noso campo ata o impulso das forzas máis emerxentes, así como a inclusión de proxectos transdisciplinares e de autor cunha altura artística fantástica, fixeron que o grupo se erguese cunha interesante solidez froito das distintas e marabillosas identidades propias de cada artista”, sinalou a organización.

-Residencias Paraíso 2018