Últimas citas do calendario de festivais subvencionados nas convocatorias de artes escénicas, audiovisual e música
Un total de 35 eventos contaron este ano con axuda da Axencia Galega das Industrias Culturais para achegarlle ao público a máis recente produción galega e internacional nos seus respectivos ámbitos
O FIOT de Carballo, o Galicreques de Santiago de Compostela e o FITO de Ourense e Celanova coinciden estes días na carteleira cultural galega, á que a semana que vén se sumará o Intersección da Coruña
Estes días coinciden na carteleira cultural galega tres mostras de artes escénicas que contan para o seu desenvolvemento con axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais para a organización profesional deste tipo de eventos: o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, o Festival Internacional de Títeres Galicreques de Santiago de Compostela e o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), que arranca hoxe mesmo. A eles unirase a semana que vén o Intersección Festival Internacional de Cine da Coruña, tamén apoiado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da nosa convocatoria para certames audiovisuais.
Xunto co Novos Cinemas, que chegará a Pontevedra en decembro, estas citas poñen fin ao calendario anual de festivais subvencionados por medio das nosas liñas específicas para artes escénicas, audiovisual e música, así como doutras vías de axudas e patrocinios, como é o caso de FEST Galicia.
En total, este 2024 distribuímos1.020.000 euros entre 35 festivais, dos que 360.000 euros corresponden a 11 certames do sector audiovisual, 340.000 a 13 de artes escénicas e 320.000 euros a 11 de música. Configuran todos eles un amplo mapa de citas estratéxicas nos seus respectivos ámbitos desde o punto de vista da difusión, a dinamización cultural e a creación de públicos, sen esquecer a súa importancia nas súas respectivas contornas tanto a nivel económico como turístico.
Na imaxe, un momento do Festival Galicreques que se celebra ata o día 20 en Santiago. Fotógrafo: Román Sanín