López Campos asina coa Asociación Galega de Empresas Musicais o impulso ao primeiro Plan Estratéxico do sector
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e a presidenta de AGEM formalizan o convenio para a elaboración desta folla de ruta, que se desenvolverá en tres fases ata xullo de 2025
A Xunta achegará 52.000€ ao plan de actividade do colectivo para os anos 2024 e 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Patricia Hermida, asinaron o convenio de colaboración polo que a Xunta impulsa a elaboración do primeiro Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia por parte deste colectivo, que agrupa 50 firmas das catro provincias.
A través deste documento, o Goberno formaliza unha achega de 52.000 euros a esta asociación para o desenvolvemento de diferentes iniciativas de promoción e análise do sector durante o bienio 2024-2025, entre as que sobresae a realización desta folla de ruta en tres fases, ata xullo de 2025.
Tal e como recolle o convenio, a oportunidade e necesidade do devandito plan estratéxico fundaméntanse nos datos do informe Impacto da industria musical de Galicia: tendencias, retos e oportunidades, realizado en 2023 por un equipo da Universidade de Santiago de Compostela e publicado en xaneiro deste ano pola Asociación Galega de Empresas Musicais co apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais.
Este primeiro estudo económico da industria musical galega ten en conta os impactos directo, indirecto e inducido para cifrar en 227,7 M€ o volume de negocio do sector e en 3250 o número de empregos equivalentes a postos de traballo anuais a tempo completo. Os seus resultados reflicten, asemade, un efecto multiplicador de 3,38 puntos respecto ao investimento público no sector, que con 53,6 M€ xera unha actividade económica de 181,6 M€, así como a súa incidencia positiva noutros ámbitos económicos como a hostalería ou o turismo.
Primeira fase xa en marcha
Neste momentos, a asociación traballa xa na primeira fase do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, centrada na análise das fortalezas e debilidades, dos recursos dispoñibles e da capacidade do sector para responder ás demandas do mercado e ás expectativas sociais. Este é o paso previo ao deseño dun conxunto de medidas específicas e de políticas de apoio orientadas a estimular a creación, produción e distribución de contidos musicais tanto a nivel nacional como internacional.
Xa na última fase, articularanse os correspondentes sistemas de avaliación que aseguren o seguimento dos obxectivos marcados a partir do trazado das accións máis eficaces para o seu desenvolvemento durante o período 2025-2030.
As outras accións recollidas no convenio teñen que ver coa convocatoria duns premios da industria musical galega e coa organización dunhas xornadas para fomentar a contratación de artistas e grupos da nosa Comunidade coa participación de profesionais de Galicia e do norte de Portugal.