Máis de 60 profesionais do audiovisual participan nunha xornada sobre as cuestións fiscais que afectan ao sector
Organizada pola Asociación Galega de Produtoras Independentes, conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais
Na sesión abordáronse cuestións como as deducións e transferencias de crédito fiscal en producións de cine, as formas xurídicas para encamiñar un investimento no audiovisual ou os incentivos territoriais e outras vías de financiamento
O Museo das Peregrinacións de Santiago acolleu a xornada formativa Fiscalidade no sector audiovisual, organizada pola Asociación de Produtoras Independentes co apoio da Xunta de Galicia e na que participan máis de 60 profesionais do sector.
Acompañado por Uxía Caride, xerente da Asociación, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu no acto de benvida, que se enmarca na oferta de Galicia ProFilme, o programa formativo do Goberno galego para profesionais da industria audiovisual galega.
Nas súas palabras, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude referiuse ao labor administrativo específico e especializado que supón a produción audiovisual, en tanto que “precede, acompaña e supera no tempo á actividade artística para que a obra creativa chegue ao seu fin, sexa rendible e se desenvolva con todas as garantías legais e de solvencia económica” e sinalou o dominio das cuestións relativas á fiscalidade como determinantes en todo o proceso. Neste sentido, fixo referencia á necesidade de actualización constante respecto ás lexislacións autonómicas, nacional e europea para acadar o financiamento necesario na posta en marcha dun filme.
“Na Xunta de Galicia somos conscientes disto e, por este motivo, nos últimos anos estamos a complementar as liñas ordinarias de axudas e subvencións ao audiovisual galego polos nosos fondos propios, con outras vías adicionais e moi importantes, que se centran na atracción de rodaxes a través da canalización de fondos europeos. Así, foron dúas convocatorias as xestionadas a través do Hub audiovisual entre 2021 e 2023, e unha máis que puxemos en marcha este ano”, engadiu.
Tamén felicitou a Asociación de Produtoras Independentes como colectivo asociativo polo seu tino na organización desta xornada formativa e pola selección das persoas expertas a cargo dos relatorios propostos, que estarán a disposición ademais para resolver as cuestións concretas que se lles trasladen por parte do auditorio.
Axentes de empresas de todo o sector audiovisual participan neste encontro para aprender sobre deducións, incentivos e outros temas legais que afectan ás producións ao redor de tres relatorios. Baixo o título Deducións e transferencias de crédito fiscal en producións cinematográficas, Sergio Segarra e Leticia Domínguez contan a súa experiencia ao cargo da súa plataforma de financiamento de YUNIT. Pola súa banda, María Negro, xerente do departamento legal de Media e Tecnoloxía de Auren Legal, presenta a charla Formas xurídicas para encamiñar un investimento no audiovisual. Garantías ao inversor. A mañá remata con Incentivos fiscais territoriais e outras vías para financiar a produción, onde Alfonso del Río Moreno e Miguel Rodríguez Ureña, socios de Culture CAP7 Fund, ofrecen as claves sobre o financiamento dos proxectos.
A xornada finaliza pola tarde con reunións executivas individuais en formato breve entre os expertos coas persoas participantes co obxectivo de establecer sinerxías e aclarar dúbidas individuais.