Share
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación desta cuarta edición, que se desenvolverá do 16 ao 19 de outubro

A industria musical galega dáse cita en Santiago de Compostela para o encontro ‘SiSons’

O programa profesional de paneis, xuntanzas e presentacións de proxectos complétase con 14 concertos e ‘showcases’, abertos ao público xeral de xeito gratuíto

A internacionalización da nosa música, o papel das asociacións sectoriais e das administracións públicas ou a distribución dixital e dereitos de autor son algúns dos temas que se abordarán nestas xornadas

A industria musical galega darase cita a semana que vén en Santiago de Compostela co gallo do cuarto encontro SiSons Enclave Musical, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia para desenvolver un intenso programa de actividades profesionais e de concertos, aberto tamén ao público xeral de xeito gratuíto.

En concreto, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora nestas xornadas, que terán lugar do 16 ao 19 de outubro, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, cuxo director, Jacobo Sutil, interveu esta mañá na presentación das diferentes citas que conforman o evento organizado pola empresa MusicArte e a Asociación Cultural Tres por Cuatro.

O responsable de Industrias Culturais incidiu na relevancia deste tipo de espazos profesionais para afondar na análise do actual panorama cultural e musical na procura de colaboracións e accións conxuntas entre o sector público e o privado. Neste sentido, lembrou que o Consello da Xunta acaba de aprobar a sinatura dun convenio coa Asociación Galega de Empresas Musicais para a elaboración e publicación en 2025 do primeiro Plan estratéxico da industria musical de Galicia.

Reserva de entradas gratuítas

Como en anos anteriores, a programación de SiSons Enclave Musical reunirá destacados profesionais da música, tanto de dentro como de fóra da nosa Comunidade, así como responsables da programación cultural de teatros, auditorios, salas, ciclos ou festivais de diferentes estilos. O público xeral tamén poderá asistir ao encontro de balde, previa reserva de entradas nesta web.

Terá así acceso aos showcases e concertos dos 15 grupos e artistas seleccionados, a meirande parte deles con sede en Galicia. É o caso de Maghúa, GDjazz, As Lembranzas, La Toñi, Supeglú, Berta Franklin, Espiño, Söa e Abril, banda esta última que actúa no SiSons como integrante da segunda edición da aceleradora musical Sonemerxente, promovida pola Xunta en colaboración coa Fundación Paideia Galiza.

Ademais, desde Estremadura chegarán a Santiago Sanguijuelas del Guadiana e Drorapta, e desde Baleares, Billy Flamingos.

A programación inclúe, así mesmo, varios paneis profesionais dedicados á internacionalización, ao papel das asociacións sectoriais e das administracións públicas, á distribución dixital e dereitos de autor, e á música doutras latitudes, que neste caso se centrará en Cuba. Os participantes poderán asistir igualmente a diferentes sesións de networking, así como aos pitchings dos seguintes proxectos: Elas Son Artistas, MIP Músicas Inclusivas, Música y Memes. Monocuchillo, Artyc, Boa Música, El 4º Sentido e Depresión en La Cabina.

O Auditorio Abanca, a Borriquita de Belém, a Casa das Máquinas, o Centro Galego de Arte Contemporánea, a sede da Fundación SGAE, o Museo do Pobo Galego e a Sala Riquela son os espazos que acollerán estes catro días de actividade arredor da industria musical galega.