A Rede Galega de Teatros e Auditorios achega os espectáculos 'Gaia' e 'Son' á celebración do Día da Danza en Santiago
Compostela é un dos 37 municipios asociados a este circuíto da Agadic, dentro do que acolle un total de 15 funcións escénicas e musicais durante este semestre
As actuacións de Entremans e Nova Galega de Danza intégranse, á súa vez, na variada programación coa que o Concello se suma á conmemoración internacional do vindeiro sábado

Santiago súmase esta semana á celebración do Día da Danza, que se conmemora internacionalmente o domingo 29 de abril, cunha variada programación á que a Rede Galega de Teatros e Auditorios achega dúas propostas: Gaia, de Entremans, o sábado 28 no Teatro Principal, e Son, de Nova Galega de Danza, o propio 29 no Auditorio de Galicia.
Estas son dúas das 15 funcións que se desenvolven en Compostela dentro do cartel semestral da devandita rede de espectáculos da Xunta de Galicia, para o que se conta cun investimento conxunto de máis de 46.000 euros por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Concello de Santiago.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou este mediodía na presentación da programación especial de danza desta semana, dirixida tanto ao público xeral como ao escolar, e na que teñen cabida compañías profesionais, centros de ensinanza desta disciplina artística e colectivos afeccionados, entre outros. Compartiu mesa con Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural de Santiago; Jaime Pablo Díaz, director de Nova Galega de Danza; Casiano Mouriño, director da Banda Municipal de Música; Marta Alonso, de Alfaia Danza; e Loli Fojón, da Academia Lodanzas.
Na súa intervención, Sutil referiuse especificamente ás dúas producións Entremans e Nova Galega de Danza como “dúas boas probas do talento que agroma nas propostas de danza sobre as que desenvolven o seu traballo na actualidade os profesionais galegos dos ámbitos do deseño e a execución coreográfica”.
En coprodución
Subliñou, así mesmo, que o espectáculo Son foi a montaxe seleccionada en 2016 como coprodución de Nova Galega de Danza coa Agadic, a través do Centro Coreográfico Galego. Executada por un corpo de baile integramente masculino, trátase dunha creación de Jaime Pablo Díaz e Carlos Rodríguez que mestura a danza galega coa española, a contemporánea e o flamenco, con música orixinal de Sergio Moure.
Pola súa banda, a compañía Entremans participa nesta programación con Gaia, unha proposta para público infantil e familiar que afonda nos tesouros naturais do noso planeta desde unha óptica visual e imaxinativa.
Jacobo Sutil incidiu tamén na importancia da colaboración entre as distintas administracións, os artistas e os creadores a prol da danza, un “xénero ás veces non tan presente nas programacións dos escenarios pero, pola contra, moi rico en potencial creativo e interpretativo en Galicia”. “Por esta razón –continuou– somos conscientes de que a danza precisa dun apoio adicional para incrementar o seu contacto co público”.
Neste sentido, explicou que este ano a Agadic introduciu cambios nas bases das súas subvencións á produción escénica para garantir, cando menos, a posta en marcha de dous novos espectáculos de danza, ademais dos tres adicionais que se están a montar a través do programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego; Corps Sonore, de SóLODOS, Directo 9, de Pisando Ovos, e Pink Unicorns, de La Macana.