Share

A Agadic apoia o festival Play-Doc de Tui para organizar unha nova edición máis longa e intensa

A Xunta canaliza a súa achega a esta mostra internacional de documentais a través da convocatoria de subvencións a festivais audiovisuais

O programa deste ano estende a súa duración a seis días, do 26 de abril ao 1 de maio, ademais de aumentar o número de actividades e os filmes de estrea, entre outras novidades

A Agadic apoia o festival Play-Doc de Tui para organizar unha nova edición máis longa e intensa

O Festival Internacional de Documentais Play-Doc de Tui presentou hoxe a súa décimo cuarta edición, que terá lugar do 26 de abril ao 1 de maio, intensificando a súa programación tanto en días de celebración como de actividades e filmes de estrea, entre outras novidades.A organización da mostra volve contar este ano co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que se materializa nunha achega económica de 28.863 euros a través da convocatoria anual de subvencións a festivais do sector audiovisual.
 
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou nesta presentación xunto a Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra; Ángel Sánchez, director do Play-Doc, e Beli Martínez, reponsable da programación de cine galego.
 
Potencial galego
Na súa intervención, Jacobo Sutil referiuse especialmente á destacada atención que a mostra de Tui lle concede sempre ao cinema galego. Nesta edición, ofreceralle ao público unha escolma de 10 documentais, que deixan constancia do potencial galego neste ámbito: Alberto García Alix. La línea de la sombra (Nicolás Combarro), Algunhas nubes flotan lonxanas (Gonzalo E. Veloso), M. (Ángel Santos), Nueva Galicia (Iván Nespereira), O salvaxe leva o seu tempo (Oliver Laxe), O fareiro de Sálvora (Gloria Vilches), Os fillos da vide (Ana Domínguez), Caerán lóstregos do ceo e Salitre nas veas (Adrián Canoura) e Trinta lumes (Diana Toucedo).
 
“Galicia posúe realizadores e cineastas que defenden a súa mestría e o seu talento no xénero documental con presenza, mencións e premios nas principais citas internacionais do sector por todo o mundo”, sinalou, ao tempo que subliñou a participación nesta edición de Lois Patiño, Oliver Laxe e Eloy Enciso na sección Tres procesos. Nela, compartirán cos asistentes os proxectos nos que están traballando nestes momentos e como afrontan o seu desenvolvemento técnico e creativo.
 
Sutil incidiu, así mesmo, no reforzo da programación do Play-Doc: “Máis días de celebración, máis actividades paralelas e en colaboración con novos socios estratéxicos, máis accións de formación e de intercambio profesional e máis películas documentais de estrea, no só en Galicia, senón para toda España”, sinalou.
 
Así, por exemplo, a sección competitiva de 2018 presenta cinco estreas que, segundo a organización, “trazan un itinerario da diversidade do cine dos nosos días”. Trátase de The Waldheim Waltz, de Ruth Beckermann; Going South, de Dominic Gagnon; Lamaland, de Pablo Sigg; Terra Franca, de Leonor Teles, e Les Unwanted de Europa, de Fabrizio Ferraro.
 
Retrospectivas
Ao tempo, o Play-Doc continúa fiel ao seu obxectivo de recuperar e redescubrir para o público tanto autores de culto como obras mestras pouco coñecidas. Nesta edición, o festival dedicaralles retrospectivas a Peter Emanuel Goldman, considerado un dos xenios esquecidos do New American Cinema, e aos brasileiros Aloysio Raulino e Ozualdo Candeias.
 
O ciclo (Anti)heroínas, que abordará a representación das mulleres no cinema; a programación musical cos concertos de Rubblebucket e de Esteban & Manuel, este último en colaboración co Festival Sinsal Son Estrella Galicia; ou a celebración do Día do Cine Doméstico son outras das citas destacadas do cartel deste ano.
 
-Play-Doc