Share

A Masterclass do Audiovisual Galego AuGAL clausura a súa sétima edición, na que participaron 200 alumnos

Esta nova entrega da iniciativa celebrouse desde novembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra arredor de nove xornadas sobre diferentes ámbitos profesionais do cine e da televisión

O guionista Miguel Barros abriu a última sesión cunha conferencia na que analizou a relación entre o cinema e a literatura

A Masterclass do Audiovisual Galego AuGAL clausura a súa sétima edición, na que participaron 200 alumnos
AuGAL celebrou hoxe a clausura da súa sétima edición, que se vén desenvolvendo desde novembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra. A Agadic colabora coa Universidade de Vigo na organización da Master Class Audiovisual, que durante este curso foi seguido por un alumnado de 200 persoas.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, asistiu ao acto de entrega de diplomas, no que tamén participaron Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do campus de Pontevedra da UVigo; Xosé Vaamonde, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e o profesor Paulino Pérez, coordinador de AuGAL xunto con Miguel Anxo Fernández e Fortunato Rodríguez.
 
O programa do curso 2017-2018 abrangueu diferentes aspectos técnicos do sector audiovisual, tales como a produción de curtametraxes e longametraxes, o tratamento do son, a creación de series e documentais ou os guións cinematográficos. Entre os profesionais galegos que protagonizaron as diferentes sesións, atopamos directores, guionistas, fotógrafos, produtores executivos e editores de son con recoñecemento internacional froito dos seus respectivos traballos, como é o caso dos directores Álvaro Gago ou Andrés Goteira con Matria e Dhogs, respectivamente.
 
Conferencia de clausura
O fotógrafo e guionista Miguel Barros, afincado en Bueu, foi o encargado de impartir esta tarde a conferencia de clausura baixo o título É literatura o guión cinematográfico?, na que analizou a relación entre ambos sectores artísticos.
 
Miguel Barros conta cunha traxectoria profesional de máis de 20 anos, durante os que percorreu unha vintena de países como fotógrafo de conflitos sociais e bélicos. Ten dirixidos documentais de temática social para múltiples organizacións, como Amnistía Internacional, ademais de para produtoras independentes, como El Deseo, coa que filmou Los sin tierra.
 
Dende comezos dos noventa, compatibilizou este labor social co cine de ficción, desenvolvendo distintas funcións como axudante de dirección e guionista. Entre os seus traballos, destacan Blackthorn (nomeado a mellor guión no festival estadounidense de Tribeca), baixo a dirección de Mateo Gil, e Nadie quiere la noche (nomeado a mellor película no Festival de Berlín), de Isabel Coixet.
 
Barros acaba de rematar o piloto de Africanus para Mediapro e HBO Europe, ademais de iniciar o desenvolvemento de Delta, con produción de Turner Internacional, e de traballar no guión da serie Gigantes, de Enrique Urbizu, para Movistar.