Os directores de Cultura e de Industrias Culturais visitan en Vigo O Ghalpón para coñecer o novo espazo colaborativo das compañías Barafunda e Troula
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e mais o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitaron hoxe en Vigo O Ghalpón, nome do novo espazo cultural rexentado polas compañías Barafunda e Troula, que funciona desde outubro de 2025 como proxecto colaborativo para o desenvolvemento dunha etapa en común das estruturas das dúas formacións escénicas.
Os representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude percorreron as instalacións de máis de 1.100 m2 coas que conta o recinto, situado no barrio vigués de Coruxo, e coñeceron de primeira man os obxectivos inmediatos do equipo de 12 persoas que traballan xa de xeito continuado para avanzar cara a modelos de produción sostibles, mancomunar recursos e xerar sinerxías destinadas ás artes escénicas de rúa, animación e teatro familiar. Entre os propósitos a curto prazo están tamén a acollida de estudantes en prácticas dos ámbitos escénico e audiovisual, residencias de creación, ensaios para concertos e estreas teatrais, talleres de escenografía ou formacións monográficas en teatro de rúa e tempo libre.