A longametraxe 'As Augas' arranca a súa rodaxe no concello de Muíños co apoio do Goberno galego
A Xunta de Galicia cofinancia esta película de Maruxiña Film Company e Matriuska Films cunha achega de 280.000 euros a través da súa liña de subvencións á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos
O filme é a ópera prima da realizadora Ledicia Sola e conta cun reparto encabezado pola propia directora, Marta Larralde, Melania Cruz, Lidia Veiga e Toni Salgado
O complexo turístico do Corgo, no concello ourensán de Muíños, acolleu hoxe a rolda de prensa con motivo do inminente inicio da rodaxe nesa contorna natural do filme As augas, debut na dirección de longametraxes da actriz e cineasta Ledicia Sola. A película, que conta co apoio da Xunta de Galicia, desenvolverá a súa gravación entre o 23 de febreiro e o 14 de marzo en diferentes localizacións da provincia, con escenas previstas tamén en Verín e Ourense capital.
En representación do Goberno galego participou no acto o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil. Tamén interviñeron representantes doutras institucións implicadas no proxecto, como o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, ou o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, así como da Televisión de Galicia e patrocinadores privados. Todos eles arrouparon o equipo reunido polos produtores Alfonso Zarauza (Maruxiña Film Company) e Daniel Froiz (Matriuska Films), e puideron visitar o set de rodaxe onde se están a realizar xa probas previas.
Impulso do Goberno galego ao audiovisual
Jacobo Sutil puxo en valor a subvención de 280.000 euros concedida ao filme na convocatoria de 2023 de axudas á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, xestionada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. “Este apoio público contribúe a facer posible unha ópera prima con vocación de percorrido e a reforzar a capacidade do sector para producir en Galicia, con equipos profesionais e historias de autoría propia”, sinalou.
Destacou tamén a importancia de que a rodaxe se desenvolva integramente en enclaves da provincia de Ourense, “xerando actividade económica e retorno cultural nas localizacións, ao tempo que se proxecta cara ao exterior a nosa riqueza natural e patrimonial”. Engadiu que o plan de axudas do Goberno galego “procura consolidar un ecosistema audiovisual sostible, competitivo e con diversidade de voces” para o que este ano se destinan máis de 6,5 M€ mediante distintas liñas de subvención que acompañan todo o proceso, desde a creación ata a chegada ás pantallas e a distribución.
O fío condutor da auga
As augas preséntase como un drama xeracional contemporáneo no que Ledicia Sola aborda unha historia que sucede en Ourense, lugar de procedencia da súa familia e que confesa como inspirador dunha película na que a auga serve como fío condutor. “É unha viaxe interior compartida. Unha historia xeracional de amigas, de mulleres reais que teñen unha revelación e deciden saltar por riba de calquera convencionalismo para facer as cousas dun xeito diferente, único e xenuíno, marcando así o seu propio camiño”, explica a directora.
Cun reparto encabezado pola propia Ledicia Sola e quen completan Marta Larralde, Melania Cruz, Lidia Veiga e Toni Salgado, a trama sitúase arredor da personaxe principal de Nora, quen regresa ao manancial da súa infancia coa esperanza de que as augas lle axuden a curar os seus males. Marta e Antía deciden acompañala nunha viaxe compartida na que as tres amigas tomarán unha decisión que marcará o comezo dunha nova etapa.