A Xunta pon en marcha a 13ª edición de ‘Galicia Escena PRO’ para reunir o sector escénico do 25 ao 28 de maio
Ábrese ata o 27 de febreiro o prazo de inscrición para que as compañías profesionais presenten as súas propostas de teatro, danza, circo ou maxia
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a asociación Escena Galega organizan este encontro en Santiago de Compostela
O obxectivo principal deste programa é dinamizar a contratación dos últimos espectáculos producidos na Comunidade galega
A Xunta de Galicia convoca as compañías profesionais galegas do sector escénico a presentar os seus espectáculos para formar parte do programa da vindeira feira Galicia Escena PRO, que se desenvolverá en distintos escenarios de Santiago de Compostela entre os vindeiros 25 e 28 de maio. Con este chamamento ponse en marcha a 13ª edición do encontro profesional organizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a asociación empresarial Escena Galega.
O obxectivo principal desta cita, aá que cada ano acoden arredor dun cento de axentes do sector, é dinamizar a contratación das producións das compañías galegas tanto dentro como fóra da nosa Comunidade, así como de impulsar a súa proxección social. Tamén funciona como espazo para o debate, a reflexión e o encontro profesional arredor das diferentes disciplinas e procesos que conforman este ámbito.
Ata o 27 de febreiro ás 15,00 h. permanecerá aberto a través de galiciaescenapro.gal o prazo de inscrición de propostas galegas de teatro, danza, circo e maxia de cara á configuración da carteleira de exhibición, que se amosará diante de responsables de programación de festivais, feiras, circuítos e espazos culturais de toda Galicia e do resto da península ibérica, ademais de se compartir tamén co público xeral.
Selección para dúas modalidades de participación
Unha comisión de persoas expertas será a encargada de elixir os títulos que se amosarán tanto no seu formato de espectáculo completo como mediante presentacións de non máis de seis minutos de duración (tipo pitching). No primeiro dos casos, poderán rexistrarse tanto espectáculos con estrea entre o 28 de febreiro de 2025 e o 25 de maio de 2026 como os que se estreen durante Galicia Escena PRO 2026, mentres que ás presentacións curtas poderán optar proxectos aínda en desenvolvemento.
Como en anos anteriores, os espectáculos galegos configurarán o núcleo central desta 13ª edición do mercado, na que tamén se poderán ver montaxes procedentes doutros puntos de España en virtude do intercambio con mostras e feiras doutras comunidades autónomas.
O Salón Teatro, Teatro Principal, Auditorio Abanca e Centro Galego de Arte Contemporánea prestarán os seus escenarios a Galicia Escena PRO 2026, en tanto que o Museo das Peregrinacións e de Santiago será o epicentro da actividade profesional, onde se desenvolverán as reunións de traballo, os pitchings e mais as mesas-coloquio.
- Máis información na web de Galicia Escena PRO