Share

As obras premiadas co Barriga Verde de textos para monicreques chegan ás librarías da man da Xunta e Baía Edicións

‘Manchea’, de Andrea Freire, e ‘O Faro’, de Carlos Labraña, incorpóranse á colección que recolle os textos galardoados nas modalidades para público infantil e adulto deste premio convocado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

As dúas obras vencedoras na última convocatoria do Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, nas súas modalidades para público infantil e adulto, acaban de ver a luz na colección que a Xunta de Galicia mantén con Baía Edicións para incorporar ao sistema literario galego os textos recoñecidos con este galardón da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Manchea, co que Andrea Freire se alzou co devandito premio na categoría de monicreques para a rapazada, e O Faro, polo que Carlos Labraña gañou na modalidade para adultos, están xa dispoñibles tanto na Libraría Institucional da Xunta como nos principais puntos físicos de venda.

O primeiro dos títulos, que fai o número 20 da colección Barriga Verde, publícase acompañado das ilustracións de Lola Villar Pérez. Manchea desmonta moitos dos tópicos arredor dos contos tradicionais de princesas, cabaleiros e dragóns a través dunha historia en verso, pero tamén en prosa, que aborda os estereotipos, a autoafirmación, a discriminación e a inclusión. Nunha disparatada aventura, os seus personaxes percorren o Titiriverso, un espazo onde monicreques de luva, de fíos e sombras chinesas.

Pola súa banda, O Faro incide na potencialidade da linguaxe dos monicreques para tratar temáticas duras e de alcance universal. Neste caso, Carlos Labraña recupera a figura de Anselmo Vilar, o fareiro galego de Torre del Mar (Málaga), que mantivo as luces apagadas para axudar as miles de persoas que fuxían durante A Desbandá, un dos episodios máis terribles e esquecidos da guerra civil.

Esta coedición con Baía enmárcase na colaboración que a Xunta mantén con diferentes editoriais para a publicación dos premios de literatura dramática que convoca bienalmente co fin de incentivar a escrita teatral na nosa Comunidade e de  impulsar a súa proxección social. Así, ademais dos títulos vencedores do XVI Barriga Verde, nos próximos meses verán a luz a través de Xerais Incidencia muller pedra, de Avelina Pérez, XXVII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, e O carteiro de Ximaraos, co que Carlos Labraña gañou tamén o XIII Manuel María de literatura dramática infantil.