Share

A Xunta convoca unha nova edición do fondo Territorio Cultura con 300.000 euros en axudas para proxectos culturais no rural galego

Ábrese ata o 11 de setembro o prazo de presentación de propostas que contribúan a ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude reactiva esta liña de apoio que, entre os anos 2022 e 2023, impulsou unha trintena de iniciativas en 85 municipios

A Xunta de Galicia abre hoxe o prazo de solicitude dunha nova convocatoria de subvencións do programa Territorio Cultura, que conta cun fondo de 300.000 euros para impulsar proxectos destinados a ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas. Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude retoma así esta canle de apoio, que nas súas anteriores edicións de 2022 e 2023 facilitou a posta en marcha dunha trintena de iniciativas de descentralización e innovación cultural en 85 municipios das catro provincias.

Segundo as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia, poden optar ás axudas de Territorio Cultura aquelas propostas culturais de iniciativa privada que contribúan á dinamización do rural galego en concellos de menos de 10.000 habitantes ou de ata 30.000 no caso de que a densidade de poboación sexa inferior aos 100 habitantes por km2. O prazo para o seu desenvolvemento esténdese ata o 30 de setembro de 2026.

Vínculo co territorio

Ao igual que nas convocatorias anteriores, o obxectivo continúa a ser a ampliación da actividade cultural no medio rural, entendida esta como motor de cambio, dinamización e transformación social. Ao tempo, búscase activar procesos culturais que afonden nos vínculos individuais e sociais co territorio, ofrecendo novas oportunidades laborais, estables e de calidade dentro do sector.

Tamén se mantén a ampla tipoloxía de accións subvencionables, que deben favorecer a experimentación, a investigación e a innovación cultural e posuír unha concreción práctica no territorio: educación, cooperación, patrimonio inmaterial, mediación, uso de novas tecnoloxías, eventos artísticos de calquera disciplina (artes visuais, cine e artes audiovisuais, teatro, danza, circo, música, literatura e palabra, arquitectura, deseño e artesanía), actividades multidisciplinares e de relación coa ciencia ou os saberes tradicionais.

En canto ás novidades desta terceira convocatoria, Territorio Cultura pon o foco na iniciativa privada, tendo en conta a súa maior incidencia na profesionalización do sector cultural. Establécese, así, unha única categoría de persoas destinatarias: as físicas (autónomas) e xurídicas privadas que desenvolvan a súa actividade habitual maioritariamente en Galicia, incluíndo asociacións e fundacións. Só se poderá presentar un proxecto por persoa solicitante, sempre que teña un orzamento subvencionable igual ou superior a 15.125 euros.

Ademais, introdúcense como subvencionables os gastos de transporte, sempre que sexan postos a disposición de xeito gratuíto e co obxectivo de estender a participación nos proxectos ás persoas residentes en poboacións próximas.

A Xunta foi a primeira Administración autonómica de todo o Estado en deseñar e facerlle chegar á cidadanía o programa Territorio Cultura, creado en 2022 ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU. Nesta terceira convocatoria, cóntase para o seu financiamento cos fondos que o Estado distribúe entre as Comunidades autónomas segundo o acordado no Pleno da Conferencia Sectorial de Cultura do 7 de maio de 2025.