Share

O Centro Dramático Galego entra na recta final dos ensaios de ‘A serie clopen’ cara á estrea do 11 de setembro no Salón Teatro

  • A primeira produción propia da compañía da Xunta no ámbito do circo contemporáneo constrúe un mundo simbólico para reflexionar sobre o momento actual
  • Poderá verse en Santiago de Compostela de mércores a domingo ata o 26 de outubro
  • As entradas xa están á venda na plataforma Ataquilla

O Centro Dramático Galego atópase xa na recta final dos ensaios de A serie clopen, a súa primeira produción propia co circo como eixo central, dando así un paso adiante no apoio e a atención que desde a compañía pública se lle vén prestando a esta arte escénica e aos seus profesionais. Neste caso, o circo serve como punto de referencia para construír un mundo simbólico que convide á reflexión sobre o momento actual.

Este espectáculo multidisciplinar conta con Pablo Reboleiro na dirección, acompañado na dramaturxia por Clara Gayo, e cun elenco de sete intérpretes. Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hess, Raquel Oitavén, Inés Santos, Guillermo Solo e Natalia Pajarito poñen en escena esta nova montaxe da unidade teatral da Xunta de Galicia, que é eminentemente física e que se foi construíndo de forma colaborativa nas diferentes quendas de ensaios. O equipo ultima agora todos os detalles para a estrea da peza o xoves 11 de setembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

Ademais do persoal técnico do Centro Dramático Galego, Reboleiro conta para A serie clopen con Laura Iturralde na iluminación e vídeo e tamén no deseño da escenografía xunto a José Faro, Carlos Alonso no vestiario, Paula Quintas e Erea Pérez na maquillaxe e caracterización, Marta Alonso no movemento escénico e coreografía, José Expósito na asistencia de circo, Marcos Carballido no espazo sonoro e asistencia de dirección, Santi Romay na asistencia de produción e Xosé Lois Romero na composición musical.

Entradas xa á venda

Acrobacias imposibles, aéreos impactantes, comedia hilarante, danza, clown e unha historia cativadora son os ingredientes de A serie clopen, que reflexiona, en ton de humor, sobre os retos que ten que afrontar a xuventude nestes tempos de incerteza a partir da historia de Alicia, unha rapaza que está nese momento vital onde comeza a construír a súa identidade e investiga o mundo que a arrodea. Poderá o Circo, a arte do momento presente, do físico, do risco, da cooperación, ofrecer alternativas nun mundo absolutamente dixitalizado?

Trala súa estrea, haberá funcións no Salón Teatro desde o 12 de setembro ata o 26 de outubro, ás 18,00 horas de mércores a domingo. As entradas xa están á venda a un prezo de 10 euros na plataforma Ataquilla. Tamén se poderán mercar, segundo dispoñibilidade, no despacho de billetes antes de cada función.