O Teatro Principal de Ourense presenta a súa nova programación, con oito funcións dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios
A adaptación de La Strada de Fellini, a comedia Todas Hieren y una mata, a montaxe Casa ORei de Ibuprofeno e Luces de Bohemia do Teatro Clásico de Sevilla son algunhas das citas que programa como parte do circuíto da Agadic
![O Teatro Principal de Ourense presenta a súa nova programación, con oito funcións dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios](/sites/default/files/styles/main_image/public/img/novas/imagen572.jpg?itok=V6U6Re4k)
O Teatro Principal de Ourense anunciou hoxe a súa nova actividade cuadrimestral, que inclúe ata finais de decembro as representacións de oito espectáculos de teatro e música dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) impulsada pola Xunta de Galicia.
Así o sinalou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen participou nesta presentación xunto a Armando Ojea, vicepresidente segundo da Deputación Provincial de Ourense, e Olga Mojón, directora do Teatro Principal. Nela detallouse tamén o resto da carteleira que se despregará ata finais de ano no escenario da rúa da Paz, con 40 xornadas de apertura ao público que inclúen moi variadas propostas de teatro, danza, música e circo.
Cinco escenarios na provincia
O responsable da Agadic explicou que o Teatro Principal é un dos cinco espazos cos que a Rede Galega de Teatros e Auditorios conta na provincia ourensá, xunto co Auditorio Municipal do Concello de Ourense, o Centro Cultural Avenida da Rúa, o Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras e o Auditorio Municipal Manuel María do Carballiño.
O circuíto promovido pola Consellería de Cultura e Turismo esténdese por 39 localidades de toda Galicia para desenvolver en 2019 unha programación de 554 funcións de teatro, danza, novo circo e maxia, cofinanciada pola Xunta e as entidades locais que xestionan os escenarios adheridos. Como sinalou Sutil, con máis de 20 anos de traxectoria, trátase dunha das máis amplas e estables canles para a contratación de espectáculos galegos e para que estes cheguen ao público xunto con outras producións de éxito de fóra de Galicia.
Entre as propostas que a rede presentará proximamente no Teatro Principal atópanse, por exemplo, a versión teatral da película de Federico Fellini La Strada (24 de novembro), baixo a dirección escénica de Mario Gas, a comedia Todas hieren y una mata de Ay Teatro (5 de decembro), Casa O’Rei de Ibuprofeno Teatro (14 de decembro) e a adaptación de Luces de Bohemia polo Teatro Clásico de Sevilla (21 de decembro).
Xunto con estes espectáculos e xa nas vacacións de Nadal, terán lugar as outras catro citas programadas dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, neste caso dirixidas especialmente ao público familiar dentro da Mostra de Teatro Infantil de Ourense (MOTI): OhLimpiadas de Cía. Sincronacidas (26 de decembro), O rexurdir da luz de A Gramola Gominola (27 de decembro), Zapatos de Caramuxo Teatro (28 de decembro) e A nena e o grilo máis aló de Magín Blanco (30 de decembro).