Share

O audiovisual galego intensifica o seu percorrido internacional nos festivais de Toronto, Nova York e San Sebastián

Destacan as seleccións obtidas por ‘O que arde’, de Oliver Laxe, e ‘Longa noite’, de Eloy Enciso, ambas producións subvencionadas pola Xunta

Cultura e Turismo apoia a difusión exterior dos filmes galegos a través das subvencións para a promoción en certames cinematográficos de prestixio e para a asistencia a mercados e foros de contidos audiovisuais

O audiovisual galego intensifica o seu percorrido internacional nos festivais de Toronto, Nova York e San Sebastián

A nova temporada de festivais internacionais de cine contará cunha destacada representación galega, entre a que sobresaen os filmes O que arde, de Oliver Laxe, e Longa noite, de Eloy Enciso, con seleccións en Toronto, Nova York en San Sebastián, entre outras relevantes citas do panorama mundial.
Ambas as dúas longametraxes contaron para a súa realización coa implicación da Xunta de Galicia a través do programa subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego. Así mesmo, a Consellería de Cultura e Turismo apoia as produtoras galegas neste percorrido exterior mediante outras dúas liñas de axudas, convocadas –ao igual que no caso anterior– pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e, nestes momentos, en período de solicitude.
 
Dunha banda, atópanse as destinadas á difusión do noso audiovisual en festivais e mostras nacionais e internacionais de prestixio para cofinanciar as campañas promocionais dos títulos galegos seleccionados neles. Doutra, as subvencións para a asistencia a mercados e foros de contidos audiovisuais, entre os que se atopan as máis importantes feiras sectoriais.
 
Tras a estrea de Longa noite o pasado mes no festival suízo de Locarno, onde Eloy Enciso obtivo o Boccalino D’Oro á mellor dirección pola Asociación da Crítica do Cine Independente, esta semana a produtora Filmika Galaika pon rumbo ao Toronto International Film Festival con este traballo e con Those That, at a Distance, Resemble Another, de Jessica Sarah Rinland.
 
A continuación, o equipo de Longa Noite viaxará ata Nova York, onde conseguiu outra importante selección dentro do apartado Projections deste importante festival, que terá lugar do 27 de setembro ao 13 de outubro.
 
Fito do noso cinema en Francia
As dúas longametraxes de Filmika Galaica competirán na sección Wavelenghts de Toronto, para a que tamén foi elixida O que arde, de Oliver Laxe. Esta produción de Miramemira, que xa obtivo o premio do xurado na sección Un Certain Regard da pasada edición de Cannes e acaba de ser preseleccionada para os European Film Awards, desenvolverá un intenso percorrido por festivais antes da súa chegada aos cinemas españois en outubro. Desde onte pódese ver, ademais, no circuíto comercial francés, onde a súa proxección en 55 salas do país –cinco delas en París– supón todo un fito para o cinema galego.
 
San Sebastián e Nova York serán os seguinte destinos de O que arde, que foi seleccionado en máis de 40 festivais de todo o mundo, entre os que tamén se atopan os de Tokio ou Busan. Nas súas dúas próximas citas, o filme de Oliver Laxe exhibirase dentro das sección dedicadas a recompilar as producións internacionais máis destacadas do ano: Perlas no Festival Internacional de Cine de San Sebastián, que se celebra do 20 ao 28 de setembro, e Main Slate, no New York Film Festival, e onde esta produción galega compartirá carteleira cos últimos traballos de Martin Scorsese, Pedro Almodovar, Albert Serra, Pedro Costa ou Oliver Assayas.
 
A presenza galega nestas relevantes citas internacionais esténdese igualmente ao ámbito da animación. En Toronto, por exemplo, proxectarase a curta Carne, de Camiña Kater, con participación da produtora Abano. Ademais, San Sebastián anunciou a inclusión da longametraxe A galiña turuleca –tamén subvencionada pola Xunta– na programación do Velódromo.