Share
Turismo
O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou a montaxe dos escenarios do evento que terá lugar do 25 ao 27 de xullo e chega con todas as entradas esgotadas

O Festival Sinsal reúne esta fin de semana na illa de San Simón máis de 30 formacións musicais de todo o mundo baixo a marca Fest Galicia

O cartel secreto programa propostas musicais diversas e actividades paralelas para gozar do patrimonio e da gastronomía

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achégalle unha dotación de 80.000 euros a esta cita musical singular, incluída na campaña estival ‘Para gustos, cultura’

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia celebra a súa nova edición na illa de San Simón os días 25, 26 e 27 de xullo como unha consolidada e singular cita que une música e patrimonio natural baixo a marca FEST Galicia, impulsada desde a Xunta para a promoción do noso territorio como destino musical de calidade. A través deste patrocinio, o evento recibe unha dotación de 80.000 euros e forma parte tamén da campaña de verán Para gustos, cultura posta en marcha polo Goberno galego.

Coas todas as entradas esgotadas desde hai días, a cita ofrece un cartel artístico secreto que o público descobre ao desembarcar na illa situada na enseada da ría de Vigo. Así, o Sinsal volverá ofrecer unha programación diversa e de calidade con máis de 30 formacións chegadas de Angola, Arxentina, Austria, Bulgaria, Cabo Verde, Corea do Sul, Francia, España, Indonesia, Xapón, Marrocos, Portugal, Reino Unido, Somalilandia, Suecia, Tunes e Uganda.

Destes concertos, repartidos nos catro escenarios principais, 17 serán debuts de bandas e solistas en Galicia, dos cales 12 supoñen, ademais, estreas a nivel estatal. O público tamén poderá gozar, nos dous escenarios alternativos habilitados, de sesións de DJs durante cada xornada e de tres pases diarios da Orquesta Clásica de Vigo o sábado e o domingo.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, visitou hoxe a montaxe dos escenarios do festival nas illas de San Simón e Santo Antón, un espazo declarado Ben de Interese Cultural, xunto aos responsables do festival, Luis Campos e Julio Gómez, e outros representantes de institucións e empresas colaboradoras. Alí  comprobou os traballos de produción previos á recepción das 800 persoas que cada día visitarán a illa nos barcos que sairán desde os peiraos de Vigo e de Meirande e felicitou o equipo organizador por avanzar en cada nova edición pola súa aposta pola sustentabilidade e a oferta de múltiples actividades arredor dunha diversa e igualitaria carteleira musical, en liña cos valores que persegue a marca FEST Galicia.

Patrimonio, gastronomía e sustentabilidade

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia completa a súa programación con máis de 15 actividades paralelas. É o caso da Escola Sinsal, que busca divulgar e recuperar a memoria sonora do século XX e que contará con iniciativas como as audicións Malmequeres, os concertos da Clásica, as gravacións das Sesións San Simón con Aleks Kolkowski, así como a exposición de cómic sobre a historia do son e da música gravada en Galicia, que este ano, como principal novidade, se poderá visitar a ceo aberto.

Pola súa banda, no marco da liña Descubre San Simón, que pon en valor o patrimonio natural, cultural e histórico do arquipélago, o público asistente poderá facer o roteiro independente a través de distintos paneis así como unirse ás visitas guiadas con Xosé L. Faílde e integrantes da asociación Amarturmar. Tamén terán lugar as actividades Caderno de bitácora, un obradoiro creativo para dialogar coa paisaxe impartido por Arte & Garabato, e Do, re, Bip, un taller familiar co artista multidisciplinar Juanma Lodo que lle permitirá á cativada crear a súa propia música ao entrar en contacto con froitas e verduras.

Tamén están previstas demostracións culinarias feitas con produtos de proximidade de distintas empresas galega. Esta nova liña, A cociña Sinsal, pretende poñer o foco na sustentabilidade e na economía circular co obxectivo de loitar contra o desperdicio alimentario e reducir, á vez, a pegada de carbono. Finalmente, na súa aposta pola protección da natureza, o festival dálle continuidade a #sinsalsenrastro, unha acción que convida as persoas asistentes a responsabilizarse dos seus residuos, así como a levar o seus propios recipientes para minimizar o impacto ambiental do evento. Ademais, a organización non producirá vasos desta edición e facilitará excedentes doutras pasadas, en coherencia coa súa política ambiental.



  • Imaxe: Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2024