Share
Cultura
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación da sétima edición do festival

Colaboración co Tradfest Compostela 2025 para celebrar a cultura popular por medio da música actual

O encontro, con diferentes actividades de libre acceso, terá lugar o vindeiro domingo 27 de xullo como parte do programa das Festas do Apóstolo da capital galega

O cartel musical presenta 12 propostas referentes en Galicia e no panorama internacional, entre as que destacan Baiuca, Tres Pesos e Cocanha

Desenvolverase ao longo de toda a xornada con ruadas, unha mostra de artesanía e unha conversa con Antón Santamarina, entre outras citas

O vindeiro domingo 27 de xullo, no marco das Festas do Apóstolo, Santiago de Compostela acolle unha nova edición do Tradfest Compostela, un festival que conta co apoio da Xunta de Galicia para poñer en valor a música de raíz máis contemporánea e outras manifestacións da cultura popular. Baiuca, Tres Pesos e Cocanha forman parte dun cartel de 12 concertos que este ano se suma á homenaxe ás cantareiras e que se completa cunha mostra de artesanía, ruadas pola zona monumental da capital galega e outras citas que completan unha programación diversa, contemporánea e de calidade.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá na presentación do evento nun acto no que tamén interviñeron representantes da administración local, dos grupos e das empresas organizadoras.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude reivindicou a “total vixencia da música tradicional galega e a súa actualización constante grazas ao talento e ao compromiso da grande cantidade de formacións e artistas que a reinterpretan hoxe en día, como son os casos dos que compoñen o cartel do Tradfest 2025”. Tamén se referiu a capacidade da música popular de conectar o público do século XXI coa nosa cultura máis esencial e, nese sentido, citou outras iniciativas da Xunta de Galicia que tamén inciden na difusión deste ámbito (Danza 3, os Seráns do Gaiás...), así como a recente incoación do expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural do baile e a música tradicionais de Galicia.  

O sétimo Tradfest comezará cun acto inaugural ás 11,30 h. no Museo do Pobo Galego: a Conversa con…, que terá como protagonista ao académico Antón Santamarina e será conducida pola escritora Alba Cid. Ademais, ata as 13,45 h, poderá visitarse a exposición Cantareiras. Oralidad, creación, transmisión.

Feira de artesanía e 12 concertos gratuítos

A primeira actuación da xornada será na praza da Quintana, onde ás 12,00 h. a Banda Municipal de Música de Santiago ofrecerá un concerto acompañada do gaiteiro Pedro Lamas como convidado especial. Xa ás 12,30 h., na igrexa de Bonaval, será a quenda das músicas antigas do arco atlántico en clave do grupo galego Chruinne, mentres que a praza de Mazarelos acollerá ás 13,00 h. a Foliada Asalto con Pesdelán e ás 14,00 horas a actuación do cuarteto emerxente Mediarea.

Pola tarde, a partir das 17,00 horas, no parque de Bonaval ofreceranse os concertos dos grupos galegos Xiro, Faltriqueira e Irmaus da Raia Seca. Pola súa parte, ás 20,30 horas na praza de Mazarelos, subirase ao palco a banda occitana Cocanha, a proposta internacional desta edición, que mestura pandeiretas, percusión de mans e pés e tambores. O seu traballo parte do repertorio de música tradicional occitana, revisándoa e outorgándolle unha visión máis moderna e feminista.

O fin de festa será no escenario instalado na praza da Quintana, onde a partir das 21,30 h. soará o folk galego de Tres Pesos e o último de Baiuca, o proxecto do catoirés Alejandro Guillán que fusiona música tradicional e de vangarda e que xa se converteu nun fenómeno cultural no ámbito internacional.

Ademais destes concertos, o festival acolle durante todo o día a feira de artesanía na praza de Mazarelos e ruadas a cargo dos grupos Os Enxebres de San Lázaro e Os Viqueiras de Ordes. A entrada é libre para todas as actividades.