Share

O festival itinerante ‘Danza no Camiño’ entra esta semana en Galicia con tres paradas dun percorrido patrocinado pola Xunta

As localidades de Sarria, Portomarín e Santiago de Compostela recibirán os días 16, 17 e 18 de xullo tres espectáculos inspirados na ruta xacobea, que fusionan coreografía, historia e patrimonio

O circuíto programa a peza ‘Onde pousa a humidade’, da bailarina e coreógrafa galega Marcia Vázquez, como proposta convidada

Nesta sétima edición da iniciativa, que produce a compañía galega SóLODOS, preséntanse producións de España e Taiwán, todas elas inéditas

Danza no Camiño, o festival itinerante que mestura arte, danza e música con inspiración na ruta xacobea, chegará o mércores 16 a Galicia cunha primeira parada cultural en Sarria, á que lle seguirán as do xoves 17 en Portomarín e do venres 18 en Santiago de Compostela como meta do percorrido iniciado o pasado 1 de xullo en Huesca. Baixo a produción da compañía galega SóLODOS, a iniciativa conta co patrocinio da Xunta para o seu desenvolvemento en territorio galego.

Os tres devanditos concellos polos que discorre o Camiño Francés acollerán espectáculos inéditos de España e Taiwán, así como a peza Onde pousa a humidade, asinando pola viguesa Marcia Vázquez, artista convidada desta sétima edición da proposta.

Danza no Camiño naceu en 2019 para prolongar o programa de actividades do Certamen Internacional de Coreografía Burgos & New York. Neste 2025, despois de pasar por localidades de Huesca, A Rioxa, Burgos, Palencia e León, recalará o día 16 na rúa Maior de Sarria ás  23,00 horas ; o día 17  de xullo pasará pola praza da Igrexa de Portomarín ás 20,00 horas, e o último destino será a praza de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela, o venres 18 ás 20,00 horas, unha das actuacións máis simbólicas deste circuíto que aínda desenvolverá outras dúas citas de despedida, en Bilbao, o día 20, e en Burgos, o día 21,  despois de ter visitado 19 municipios de oito provincias.

A morte, as raíces e os dilemas dun eremita

As creacións das que poderá gozar o público son Kowaw, un dúo que interpretarán os coreógrafos taiwaneses Hsin-Hsuan Yu e Szu Shihmin; Adama, unha peza para tres bailaríns do creador español Mario Bermúdez, fundador e director da compañía Marcat Dance; e Asceta, un solo asinado polo coreógrafo pacense Chey Jurado. O medo a envellecer e á morte, a mirada cara ás nosas raíces e antepasados reivindicando a terra, e os dilemas dun eremita que busca agocharse, son os temas que tratarán desde a danza estas tres propostas.

A programación do festival amplíase nesta edición coa proposta convidada da bailarina e coreógrafa galega Marcia Vázquez, que presentará ao público de Portomarín e de Santiago de Compostela Onde pousa a humidade, unha peza na que aborda a idea da espera inspirándose nos relatos das mulleres da Costa da Morte, “que sempre esperan a que o océano lles devolva, cando menos, os restos dos ósos dos seus parentes”, segundo ela mesma explica.