O Centro Galego de Artes da Imaxe dedícalle un ciclo ao mestre do cinema xaponés Yasuzô Masumura
Ofrece desde hoxe unha selección de seis dos mellores traballos da extensa obra do realizador, un dos renovadores e referentes cinematográficos do seu país menos coñecidos en Occidente
A escolma, que chega a Galicia en colaboración con Filmoteca Española e Japan Foundation, leva por subtítulo Retratos ao límite para incidir na ollada particular e nada convencional deste cineasta
O mestre do cinema xaponés Yasuzô Masumura é obxecto desde hoxe e ata finais de novembro dunha retrospectiva no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia, que lle ofrece ao público seis títulos clave na súa extensa filmografía. Organizado en colaboración con Filmoteca Española e Japan Foundation, o ciclo Yasuzô Masumura. Retratos ao límite busca afondar na particular ollada, en ocasións extrema e fóra do convencional, dun cineasta referente en Xapón, pero menos coñecido en Occidente.
Entre os seis títulos seleccionados para este programa, todos eles adaptacións literarias, atópanse algunhas das súas fitas máis difundidas internacionalmente, como Irezumi (Spider Girl, 1966), baseada no famoso relato Tatuaxe, de Junichiro Tanizaki, que poderá verse no CGAI o 22 de novembro; ou Akai Tenshi (The Red Angel, 1966), unha das que mellor exemplifica eses retratos ao límite que lle dan título ao ciclo, ao que lle porá o colofón o día 19.
Pero na Filmoteca de Galicia poderán verse, así mesmo, outras películas que non teñen conseguido tanta atención fóra do seu país, como Seisaku no Tsuma (Seisaku’s Wife, 1965), considerada porén como a súa obra mestra e unha das grandes películas xaponesas dos anos sesenta do pasado século.
En sesión dobre
Yasuzô Masumura. Retratos ao límitearranca esta mesma tarde coa proxección, ás 18,00 e ás 20,30 h., de Warm Current (1957), e completarase o día 14 con With My Husband’s Consent (1964) e 21 de novembro con Hoodlum Soldier (1965). As seis películas exhibiranse en sesión dobre, ás 18,00 e ás 20,30 h., e en versión orixinal xaponesa con subtítulos en galego.
A través delas dáse conta da sátira mordaz e da fluidez estilística que caracteriza a filmografía de Yasuzô Masumura (1924-1986), considerado precursor da Nova Onda xaponesa e alumno de Michelangelo Antonioni, Federico Fellini e Luchino Visconti durante a súa estadía como bolseiro no Centro Sperimentale di Cinematografía de Italia. Nas súas sesenta películas, abordou historias e xéneros moi variados nos que sempre imprimiu o seu particular selo, con elementos recorrentes como o seu compromiso ético, a recreación de comportamentos obsesivos ou o erotismo.
Esta retrospectiva tamén lle permitirá ao público gozar dos traballos de Ayako Wakao, unha das grandes actrices xaponesas que, como sucede con Masumura, non é tan coñecida en Occidente. Con el protagonizou 25 películas, ademais de traballar con outros importantes nomes do cinema do seu país, como Kenji Mizoguchi e Kon Ichikawa, cos que precisamente se iniciou Yasuzô Masumura como director das súas segundas unidades.
‘A Esmorga’ con Fernanda Tabarés e Antón Reixa
Tras a sesión dobre de hoxe con Warm Current, a programación desta semana continuará mañá venres cunha nova proxección do ciclo co que a filmoteca galega está a conmemorar o centenario de Ingmar Bergman: El silencio, ás 18,00 e ás 20,30 h. Ademais, o sábado, ás 18,00 h., terá lugar a quinta entrega do programa Pensando en cine/Pensando en Galicia, no que persoeiros da cultura galega non vencellados directamente ao cine escollen filmes para comentalos cos espectadores.
Desta volta, a sede do CGAI recibirá a visita da xornalista Fernanda Tabarés para presentar a película A Esmorga, de Ignacio Vilar, e debatela xunto con Antón Reixa, coordinador desta sección pola que xa pasaron a vocalista Guadi Galego, a poeta Yolanda Castaño, o músico Julián Hernández e a gaiteira Susana Seivane.
-Información sobre o ciclo Yasuzô Masumura. Retratos ao límite no web do CGAI
Na imaxe: Warm Current (c) 1957 Kadokawa Pictures