A escena galega preséntase na feira Mercartes de Valladolid cunha delegacion de Agadic e seis empresas
GaliciaÉscena é o lema do stand da Xunta no principal mercado do sector a nivel estatal, que reúne ata mañá 124 entidades expositoras e arredor de mil profesionais das artes escénicas
Forman parte desta misión comercial e promocional as compañías A Panadaría, Contraproducións, Culturactiva, Eme2 Producións, Lucecús Teatro e Pistacatro Produtora de Soños, ademais da asociación Escena Galega
Unha delegación empresarial e institucional galega está promover as nosas artes escénicas na sétima edición da feira Mercartes, que se celebra ata mañá en Valladolid. GaliciaÉscena é o lema do stand, promovido pola Xunta a través da Agadic, que centraliza a actividade de difusión dos espectáculos galegos neste encontro, considerado o principal mercado a nivel estatal para o intercambio comercial neste sector.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, desprazouse ata Valladolid como parte desta delegación, que integran así mesmo os representantes de seis empresas produtoras e distribuidoras (A Panadaría, Contraproducións, Culturactiva, Eme2 Producións, Lucecús Teatro e Pistacatro Produtora de Soños), así como da asociación empresarial Escena Galega.
O devandito stand reforza a súa participación neste encontro, servíndolles de epicentro para a difusión das súas últimas producións e para a celebración de xuntanzas con representantes de circuítos, escenarios e mostras de toda España na procura de ampliar a distribución exterior dos espectáculos de teatro, danza e novo circo feitos en Galicia.
A Federación Estatal de Asociaciones de Empresas de Teatro y Danza (Faeteda) e La Red de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública (La Red) organizan esta cita bienal, cuxo obxectivo prioritario é promover acordos comerciais entre os distintos axentes públicos e privados que interveñen nos procesos de produción, distribución e exhibición das artes escénicas.
Na súa sétima edición, a área de mercado da feira experimentou un notable crecemento ata chegar aos 124 expositores, que están a ser visitados polos arredor de 1000 profesionais de toda España inscritos este ano.