Share

O CGAI e o CGAC reúnen as videocreacións dunha trintena de artistas galegos no ciclo inaugural do programa 'Mirada país'

A sede da Filmoteca de Galicia na Coruña acolle hoxe a primeira de catro sesións de proxeccións e conversas, que a partir de decembro tamén se levarán a cabo no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago

No espazo compostelán, sumaranse a esta proposta catro instalacións que poderán verse na súa Sala de Proxectos

Arranca así unha serie de ciclos de exhibicións e debates para poñer en valor a potencialidade da creación audiovisual galega, máis alá dos xéneros e canles de distribución convencionais

O CGAI e o CGAC reúnen as videocreacións dunha trintena de artistas galegos no ciclo inaugural do programa 'Mirada país'

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) comparten nesta recta final do ano un programa de proxeccións, conversas e instalacións arredor da videocreación galega, que arranca esta mesma tarde na sede coruñesa do CGAI. Este é o primeiro dos ciclos do proxecto Mirada país, a través do que a Consellería de Cultura e Turismo busca poñer en valor a potencialidade da creación audiovisual galega, fóra dos xéneros e canles de exhibición máis convencionais.
A súa primeira entrega foi presentada hoxe na Coruña por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Santiago Olmo, director do CGAC; Antón Reixa, coordinador de Mirada país; e Alberto Carton, comisario deste ciclo inaugural.
 
O director da Agadic fixo fincapé na suma de sinerxías entre dous dos centros de promoción artística da Xunta á hora de organizar e acoller unha ampla escolma de videocreacións galegas desde os anos oitenta do pasado século ata os nosos días, con traballos de 31 artistas que, na meirande parte dos casos, forman parte dos fondos do CGAI e do CGAC.
 
Novembro na Coruña e decembro en Santiago
Este primeiro ciclo de Mirada país articúlase arredor de catro sesións de proxeccións e debates con algúns dos videocreadores programados, que terán lugar na sede coruñesa da filmoteca en novembro (hoxe, ás 20,30 h., e os días 13, 24 e 27) e no Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago durante o mes de decembro (días 4, 13, 19 e 20). Ademais, no espazo compostelán a iniciativa complementarase con catro instalacións de Carme Nogueira, Pamen Pereira, Manuel Eirís e Rubén Ramos Balsa.
 
Estes son catro dos artistas incluídos nesta escolma, xunto a Xavier Villaverde, Ignacio Pardo, Eloy Lozano, Antonio Segade, Teo Manuel Abad, Carlos Nieto, Juan Lesta, Belén Montero, Vicente Blanco, Patricia Dopico, Xoán Anleo, María Ruido, Simón Pacheco, Diego Santomé, Rita Rodríguez, Rubén Grilo, Álvaro Negro, Félix Fernández, Lois Patiño, Paco Rocha, Miguel Mariño, Federico Strate, Uqui Permuy, Roge Fdez, Xisela Franco, Carla Andrade e Mar Caldas.
 
Teo Manuel Abad e Xisela Franco serán, ademais, os encargados de comentar esta tarde no CGAI a sesión Os presentes simbólicos coa que dá comezo o ciclo, que o seu comisario organizou por orde cronolóxica e temática para afondar na construción da imaxe videográfica en Galicia nas últimas catro décadas. Experiencia e definición, Memoria e contraste, e Os presentes proxectados son os títulos do resto das citas, a través das que se dará conta conta dos camiños individuais e dos lugares comúns tanto desde o punto de vista creativo e estético, como ideolóxico e de compromiso social.
 
Todas as actividades de Mirada país / Videocreación son de acceso libre ata completar a capacidade.

-Programa de Mirada país / Videocreación (Fe de erros: a segunda sesión no CGAi é o 13 de novembro)
-Web do CGAI
-Web do CGAC